sábado, 30 de maio de 2015

Marcelo, tan real, tan arroupado.

















(A Marcelino García Lariño -Marcelo da Rabela-,
IN MEMORIAM).
_________________________________________


  Partes, hoxe, de aquí; levas, amigo,
historias que contar da vila, en verso;
a Parca te convoca...; ese reverso
de ancestros, celestial, cumpre contigo.

  Historias que contar... Finou a espera
dos veciños do alén para escoitarte;
todo vai devagar nesoutra parte
perpetua onde o vivir non desespera.


  Andas de recepción, atarefado
compondo e perfilando unha espinela;
á escoita está San Pedro, interesado
nunha versón facsímile a capela.

  Ti sempre muradán, tan da Rabela,
Marcelo, tan real, tan arroupado.


(Rioderradeiro)

sábado, 2 de maio de 2015

As rendas da alternativa.



  Beben do zume da terra
azos de sabedoría;
por canto o Bloque se aferra
e apunta á soberanía.

  Queren arrincar da pedra
do Muros de cantería
tódolos vicios da hedra,
rampante calcomanía.

   Herdades, hoxe, o ronsel
da estrela que, sen cuartel,
fai branquiazul combativa. 

  Abandeirade o cartel,
mozas e mozos, corcel
da nosa esperanza altiva.

  Confiámosche, Manuel,
as rendas da alternativa.


           (Rioderradeiro)



segunda-feira, 16 de fevereiro de 2015

A súa man no teu peito.




   Vive o traidor de tal xeito,
resentido, enrabechado,
coma alacrán, infectado
dun Xudas insatisfeito.

   Campa, malandro, maltreito,

deglutindo vilanía:
como ha cobrar plusvalía,
recargo do seu despeito.

   Rega, malvado, esa espiña,

e relambe ese desgusto;
proba no humilde e no xusto
as propiedades da tiña.

   Fogo de inferno, de feito,

a súa man no teu peito.

   (Rioderradeiro)


terça-feira, 3 de fevereiro de 2015

O dardo de reporteiro.


(Foto de Jesús García Fernández)


  Paxaro, este paxareiro
divisa por obxectivo
o teu pousar fuxitivo,
logo dispara, certeiro,
o dardo de reporteiro.


 (Rioderradeiro)


(Foto de Jesús García Fernández)

domingo, 25 de janeiro de 2015

Do peculio popular.


  Pedra labrada, limiar,
preludio de monacato,
cara á destra, sindicato,
sultanato de sulfato
do peculio popular.


(Rioderradeiro)