terça-feira, 3 de fevereiro de 2015

O dardo de reporteiro.


(Foto de Jesús García Fernández)


  Paxaro, este paxareiro
divisa por obxectivo
o teu pousar fuxitivo,
logo dispara, certeiro,
o dardo de reporteiro.


 (Rioderradeiro)


(Foto de Jesús García Fernández)

domingo, 25 de janeiro de 2015

Do peculio popular.


  Pedra labrada, limiar,
preludio de monacato,
cara á destra, sindicato,
sultanato de sulfato
do peculio popular.


(Rioderradeiro)

quarta-feira, 14 de janeiro de 2015

De incomodar vaguidades.


Jose Brinqueiro.- "Gustaríame que lle puxeses algún comentario á foto que puxen de Monte Louro de hoxe..."

  Daguerrotipo ou pincel,
castidade no papel,
caza o Brinqueiro soidades,
ao luscofusco, orfandades
desbordantes pola pel;
ten MonteLouro cartel
de incomodar vaguidades.


(Rioderradeiro)


 Foto: Jose Brinqueiro

quinta-feira, 27 de novembro de 2014

Noutra esfera final que te depura.













 Esta vida promete unha arrogante
algarada de ardor arborescente;
rompe o tempo a paixón adolescente,
gasta os folgos da fe de cada amante.  

  Esta vida propón de interesante
unha historia insegura, insuficiente;
pasa o crono a restar internamente
desalentos que conta en cada instante.
  
  Esta vida propende a reiniciarse 
nunha estancia máis plena e máis segura;
ninguén sabe se en nova singradura
pode un home deixar de reiventarse.

  Esta vida pretende proxectarse
noutra esfera final que te depura.

  Esta vida presente é de impostura.


 

      (Rioderradeiro)


  

quinta-feira, 20 de novembro de 2014

Pendentes do talismán.


Wikipedia.- Exemplo de teatro: La Comédie-Française (acuarela de A. Meunier, París, século XVIII).

  Platea de campanario;
neste auditorio confío
que non baleire albedrío
aplaudindo innecesario.

  Proscenio, estricto escenario;
franco actor de señorío
debruza verbo bravío,
desemboca en balneario. 

  Piromanía inminente,
vibrante ollada insurxente ,
brazo incendiario en oferta
nun papel de celofán.

  Prisioneiros de Xermán,
perplexos, coa boca aberta
cen mil paisanos alerta
pendentes do talismán.


  (Rioderradeiro)