terça-feira, 11 de novembro de 2014

Gorenta a gaita grileira.


M:L:A:.- "Aquí, un servidor, noviño e con pelo, despuntando alguna actitude musical !!!"

  Emboca, zuga, gaiteiro,
devora de tal maneira
a palleta do punteiro...:
Manolo, ¡tan galdrumeiro!,
gorenta a gaita grileira


  (Rioderradeiro)

domingo, 9 de novembro de 2014

No meu corazón, paciente.


  De pasos acompasados,
o seu perfil, nobre, ergueito;
os seus dous brazos pensados
para estreitar o teu peito.

  De tan xentil, circunspecto,
e familiar, ¡de que modo!;
cómpre dicir, foi perfecto
canto a leal, sobre todo.

  Partiu da vida aparente,
retorna ao mundo real,
resplandece, radical,
noutra verdade impoñente.

  O mal da ausencia, presente,
doenza en tempo parcial,
repercute, pedernal, 
no meu corazón, paciente. 
   

    (Rioderradeiro)



segunda-feira, 3 de novembro de 2014

Carne de candidatura.


(Calquera parecido observado na realidade local (e nunca mellor dito) é pura coincidencia)


  Hai guerras polivalentes
libradas sen armadura;
outras batallas son pura
ficción, subconscientes.

  Hai debates emerxentes,
salientando a parte escura;
quen dá metralla procura
accións consecuentes.

  ¡Ai dos santos inocentes
vestidos sen vestidura!;
¡ai dos vellos ingredientes
adubiando a calentura!

  ¡Ai, xabróns de sinecura,
confusión de deterxentes,
que pasan por reverentes,
porque exaltan manicura!

  Hai espantallos valentes,
carne de candidatura.


    (Rioderradeiro)



sexta-feira, 31 de outubro de 2014

Amado arcanxo, guerreiro.



















 (IN MEMORIAM de Manuel da Roura,
a quen, en vida, quixemos tanto, e el a nós
de igual ou superior maneira.)


  En verso limpo, lixeiro,
voa o poeta tan alto,
que se diría, dun salto,
transfigurado en luceiro.

  Transfigurado en luceiro,
luz perenne en peregrino;
vai tapizando o camiño
semente de pregoeiro.

  Semente de pregoeiro,
arado de campesiño,
leva labrado o destino
con compás de mariñeiro.

  Con compás de mariñeiro,
velas, drizas, equipaxe...;
nada lle falta; ¡que viaxe!,
amado arcanxo, guerreiro.


 (Rioderradeiro)



terça-feira, 28 de outubro de 2014

Nun papiro de cristal.



  Considerando a limpeza,
comunitaria cabeza
da Casa Consistorial,
para que ninguén o esqueza,
cómpre, en modelo oficial,
documentar nunha peza
a xesta por carnaval:

  Eis a historia requintada,
resumida e retratada
en placa... a carta cabal.

  Reloce -flamante espello-,
se non mirades de esguello,
o tellado do Concello
nun papiro de cristal.


   (Rioderradeiro)


(Wikipedia)