terça-feira, 13 de maio de 2014

A preguntar por min constantemente.


  Esta vida é capítulo imperfecto;
pódela resumir en case nada.
Que é a morte? Unha falta de respecto;
entra sen avisar, sen ser chamada.

  Víate invulnerable, ou parecías,
e, sen embargo, foches vulnerado.
Críaste dura rocha. Fantasías
de heroe, en fin, nun corpo de prestado.

  Non me esquezo de ti. Estás presente,
espírito inmortal, na miña mente.
Non ignoro quen son,  nin que soporto
pesadelos de ausencia. Vivo absorto…

  sumando señardades. Tanta xente,
na badía do alén, nesoutro porto,
a preguntar por min constantemente.

  
     (Rioderradeiro)








segunda-feira, 12 de maio de 2014

Recollerás, se cadra, outra semente.

Ruth Matilda Anderson: El mundo rural con ojos de mujer | Mallata
(Wikipedia, Ruth Matilda Andersosn)

  Ergue axiña, labrego, o tempo apura;
agárdate impaciente outra xornada,
bois, vacas, carro, arado…, e maila aixada,
emparentados pola agricultura.

  Emparentados pola agricultura,
o prado, a leira, aquel millo barbeito;
caudal de rega sobre o campo, afeito
a redimir a terra da secura.

  A devoción da xente, que se amosa
reverente e vital; a rogativa;
o santo milagreiro que se activa;
a boroa, na mesa, saborosa...

  Sementa aí, labrego, o soño en quente;
recollerás, se cadra, outra semente.


     (Rioderradeiro)

Catorce herencias que cambiaron el mundo | Internacional | EL PAÍS
(El País)

domingo, 11 de maio de 2014

Que audacia máis baril para cantala!?

Tauromaquia...Goya | Francisco goya, Spanische kunst, Alte gemälde
    (Wikipedia, Francisco de Goya)

  Seguen sombra da senda, en solitario,
trastos: capote, estoque…, ese arrepío;
fora a praza xardín e mais xentío,
e lida, e purgatorio…, o teu calvario.

  Aquel botón de rosa por ferida
é manancial fervente da fisura;
triste albeiro; na area, esa escritura
proba documental, alí caída.

  Dan veredicto. A festa, de repente,
falou coa traxedia. Eras valente.
Bebeches toda a morte ao provocala.

   Brindaras, coa monteira, ao presidente
a vida de toureiro en alcabala.
Que casta tan viril, tan obediente!

  Que audacia máis baril para cantala!?

      
      (Rioderradeiro)

El Prado y la falacia de Goya antitaurino | Toros

sábado, 10 de maio de 2014

Un ego corrompido que serpea.


(Wikipedia)

  Desde neno, sen dúbida, incorporas
privilexios de ser acomodado,
xoguete de destino, acostumado
a meterte no espello a todas horas.

  Adolescente, infante inveterado,
por nacido nun berce exclusivista,
por descaro, por alma narcisista
propietaria dun corpo de pecado.

  É tempo de eleccións. Veña, tourea!
Estás proposto coma candidato;
o teu perfil, repique en arrebato
do músculo viril. Verga!, tolea…

  a espada pueril. Entre en debate
a Galiza servil da panacea;
a causa de compor máis melopea,
Narciso, patrocina o disparate.

  Por Deus, ha reflectir o xaquemate
ese ego corrompido que o retrate?


   (Rioderradeiro)



(Wikipedia)

quinta-feira, 8 de maio de 2014

No teu colo outra vez. Sinto morriña.


Peinture numéro - Appel de la mer - Peinture numéro - Creavea



  Triste… Alegre… Francas velas ao vento.
Alerta, capitán, que zarpa o teu navío.
Ataca temporal. Campa o bravío.
Encirra vendaval de barlovento.

  Triste… Alegre… Cambiante o movemento.
Imaxes: debruzando en mar o río,
o tempo derramando no baldío,
a vida debagando o seu talento.

  Alegre… Triste… Infancia que foi miña.
A pedra lar. A man que me acariña.
Abrazos paternais e protectores.

  Abeiro familiar. Seráns. Solpores.
Bálsamo, por favor, para esta espiña;
penso nos bicos, nai; sempre os mellores.

  No teu colo outra vez. Sinto morriña.

    
       (Rioderradeiro)


Art: 4 Portrait der A Mere et Fille Academique Realisme Fille ...