domingo, 29 de setembro de 2013

mil bagatelas do mar.

 
  Vinde ver en panorama,
desde Marcote  a Lagar,
un submarino alancar
por Rebordiño en pixama.

  Víndeo ver, ben reclama
e merece unha postal,
en MUROS,  nun soportal
e na casa aos pés da cama.

  Víndeo ver parolar
o periscopio da almea
co Muíño da Marea,
coa Virxe, coa Acea,
coa Cerca...., cos do bar!

  Víndeo ver divulgar
o seu saber de balea,
o seu sentir de serea,
mil bengalas sobre area,
semente de divagar.

 Semente de divagar, 
unha cana de pescar,
no peirao, é panacea.

(Rioderradeiro)


8- cosme garcia.jpg

sábado, 28 de setembro de 2013

pola zafoña, é maestro.

  
  Eles todo llo adxudican
ao seu valioso traballo,
ao seu desvelo a destallo,
aos seus saberes a esgallo;
e ao narcismo se aplican
e nunca se prexudican;
mans de ladróns que latrican
levan consigo un atallo,
e a quen se opoña replican
con rigoroso espantallo:

  - Para rebelde hai vergallo;
por  escarmento aplicamos
lei de talión de agasallo:
o seu corpo fusilamos
e o corazón rematamos
con faca que non tén fallo;
defunto, santificamos,
francamente veneramos,
como nos pete o carallo,
asasino en sopostallo.

  Capitalismo ambidextro,
o seu Caín por ancestro,
do criminal non se esquece;
zugando sangue florece,
nese afán de poder crece
con sixilo e por secuestro,
de consumado cabestro,
que nin sinte nin padece
nin por remorso esmorece,
pola zafoña, é maestro.

(Rioderradeiro)

quinta-feira, 26 de setembro de 2013

obediente ao capital.


  Destaca esta forza bruta,
en forma de bacanal,
sobre o decreto total
que o directorio orquestral
alzou con man disoluta
nunha cumprida minuta,
como se fose cicuta,
á páxina principal
da veciñanza que imputa
para verter, impoluta
ás portas dun hospital,
desolación absoluta,
porca miseria, en Calcuta,
reverente ao capital,
reverdecente puñal
reincidente en disputa.


  -Cousas da radio, Raquel.
-Que cousas, dona Saleta?
-Cómpre engordar a dieta
adelgazando o pastel;
ponlle ao gato un cascabel:
WHISKERÍA de etiqueta.


(Rioderradeiro)

terça-feira, 24 de setembro de 2013

noutro poema en cartaz.


(Wikipedia)

 De tantos bicos que dás
sobor das nubes de feito,
uns calafríos a eito
baixan e soben estreito
e desregulan compás
que endozara Ferabrás
de lenitivo en barbeito;
vas, curvilíneo, dereito,
en circunloquios, audaz,
lazos e argucias por treito,
o verso libre anda ergueito,
e así consumas, rapaz,
arte amatoria, locuaz
por tantas frechas no peito,
falemos claro, sen xeito,
noutro poema en cartaz.

  De tantos bicos que dás,
bates co morro no teito,
deixas o corpo tolleito,
como ensumido, sen gas...

  Como ensumido, sen gas...,
debruzante en cadaleito.

 (Rioderradeiro)



(Wikipedia, Hans Baldung (c. 1520).

domingo, 22 de setembro de 2013

de anfiteatro a castelos,

Foto: Preparando o escenario. Pola noite a ópera,   "Carmen" . Teatro de Mérida.
                                                                      (Nieves Formoso Vidal)

  Pola secura, a desgana,
turistas, coma camelos,
desfilan en caravana,
de anfiteatro a castelos,
ata a raíz dos cabelos,
reconquista castelana,
ás costas do mar aberto,
con escudo e con catana,
todo argüído e cuberto
e resumido en acerto
polo doctrina cristiana;
á sombra dunha espadana,
abro os oídos, desperto,
escoito  o canto liberto
da Galiza soberana
que só lle debe ao deserto
ignominia e mala saña,
conquistadores ladinos,
fracasados asesinos
do imperialismo de España.

        (Rioderradeiro)


Foto: Avila, unha pasada ....
(Nieves Formoso Vidal)