quarta-feira, 31 de julho de 2013

Coma un dereito divino.


       (Wikipedia)
     
  Consortes, príncipes, reis
da caverna soberanos;
servos, plebeos…; fulanos
de corte, por coronéis.

  Monarcas de toda a vida,
organigrama empapado,
zume azul polo sobrado
na pel do pobo curtida.

  Que legado ou desatino
lle concede esa coroa?
Quen lla compulsa e lla ecoa,
e acompaña ao sibilino?

  Bébedo en sangue, cretino,
aquel bufón que lla loa
coma un dereito divino.


   (Rioderradeiro)


 (Wikipedia)

terça-feira, 30 de julho de 2013

O bo vivir en cualquera.



  Non sei se o Papa Francisco,
cando se apea en Brasil,
lle prende a mecha ao redil,
porque lle falla un menisco.

  Ignoro se, en Roma, o fisco
-a curia co seu candil
e o laicado caciquil-
está de “escrache” en aprisco.

  Por no saber, nin sequera
teño tan claro por que
circo romano, abofé,
reparte estopa en quimera;

  ¡triunfe utopía!: eu quixera
esa resposta que ve
o bo vivir en cualquera.

         
(Rioderradeiro)


terça-feira, 23 de julho de 2013

Por San Xián de Torea.

  
De pallote ou de espantallo,
de pivote ou sopostallo,
invidente ao parecer,
ignoras quen poida ser,
¿que acredita un papagaio?

  Mariñeiro de adopción,
cego por aburrimento,
tén por bandeira o bastón,
por vela da embarcación,
a dereita en movemento;

  xograr de intriga e compón,
ornamenta sufrimento,
recupera o seu contento
cando lle cae o dobrón
no saco do pensamento.

De pirata a pór marea
en bergantín ou batea,
de moinante no trobar,
marisquea nalgún bar
de San Xián de Torea.
 

        
         
(Rioderradeiro)


                                    

quinta-feira, 11 de julho de 2013

Ai, frecha en existir desenfreada!


  Descomunal o sol, tan furibundo,
da cabeza ata os pés, a carne inflama;
tanto poder precede á xusta fama,
o seu vigor penetra tan profundo.

  Despiadado calor, carga rotundo;
en canto te divisa e que te encara,
Lourenzo, desde empíreo, te dispara
tan certeiro e total, tan tremebundo.

  Xullo apuntou de novo en labarada
a sede de agostar a fonte fría;
a fogo reforzou con felonía
latente a combustión multiplicada.

  Ai, frecha en existir desenfreada!;
refrega de verán, quen desafía
e deixa o teu vivir en case nada?

             (Rioderradeiro)



domingo, 7 de julho de 2013

Desafoga no Lago unha rutina.


(Manuel Lago Alvarez)
  
  Un músico de troba algo intrigante,
rebelde e clerical á vella usanza,
un Quixote na pel de Sancho Panza
a cabalo dos sons a cada instante.

  Un ente insatisfeito a dicir basta,
restaurador de oficio e de desvelo,
denodado lector de Maquiavelo,
retranqueiro sorriso, a media hasta.

  É Manolo de América alpinista
polos cumes da curia palatina,
convidado da dura disciplina
perpetrada en desmáns de pianista.

  Ao paso que derrama a voz de artista,
bota o tempo a rodar pola cantina;
relucinte tenor, bravo activista,
Álvarez -pola nai- que ben atina!:

  Desafoga no Lago unha rutina.



                           (Rioderradeiro)