quinta-feira, 11 de julho de 2013

Ai, frecha en existir desenfreada!


  Descomunal o sol, tan furibundo,
da cabeza ata os pés, a carne inflama;
tanto poder precede á xusta fama,
o seu vigor penetra tan profundo.

  Despiadado calor, carga rotundo;
en canto te divisa e que te encara,
Lourenzo, desde empíreo, te dispara
tan certeiro e total, tan tremebundo.

  Xullo apuntou de novo en labarada
a sede de agostar a fonte fría;
a fogo reforzou con felonía
latente a combustión multiplicada.

  Ai, frecha en existir desenfreada!;
refrega de verán, quen desafía
e deixa o teu vivir en case nada?

             (Rioderradeiro)



domingo, 7 de julho de 2013

Desafoga no Lago unha rutina.


(Manuel Lago Alvarez)
  
  Un músico de troba algo intrigante,
rebelde e clerical á vella usanza,
un Quixote na pel de Sancho Panza
a cabalo dos sons a cada instante.

  Un ente insatisfeito a dicir basta,
restaurador de oficio e de desvelo,
denodado lector de Maquiavelo,
retranqueiro sorriso, a media hasta.

  É Manolo de América alpinista
polos cumes da curia palatina,
convidado da dura disciplina
perpetrada en desmáns de pianista.

  Ao paso que derrama a voz de artista,
bota o tempo a rodar pola cantina;
relucinte tenor, bravo activista,
Álvarez -pola nai- que ben atina!:

  Desafoga no Lago unha rutina.



                           (Rioderradeiro)



quinta-feira, 27 de junho de 2013

a vida desigual dada.

                                                                                                               
          Rajoy (Faro de Vigo,1983): "...que los hijos de 
“buena estirpe” superan a los demás
 ha sido confirmado por la ciencia..."

   Adiviña a calidade,
administra a conveniencia,
vacina estirpe a conciencia
e descarta a paridade.

   Ecumia espada Tizona
e o seu cabalo Babieca;
empoleira a biblioteca,
refén da testosterona.

   Demente,non sabe nada;
pero sabe cabrear,
confundir,desentoar
e dar a nota afinada.

   AtizaWert unha espada
contra as becas de igualar,
   acaudilla o recortar,
acubilla disfrazada...

a vida desigual dada.


     (Rioderradeiro)


terça-feira, 25 de junho de 2013

Mergullando en mar, ladina.


Bota e reflota no aire,
devota da nube albina,
por tobogán con donaire
da man do vento patina;
a gaivota bailarina
conclúe ballet -¡desaire!-,
mergullando en mar, ladina.
   
    (Rioderradeiro)


quarta-feira, 19 de junho de 2013

Os ollos que golosos te admiraron

    
   Os ollos que golosos te admiraron
e están presos en ti desde aquel día;
os beizos que acadaron regalía
e deses beixos teus se alimentaron;

   O peito, adolescente apaixoado,
a remansar no gozo algarabía;
o corpo, tan audaz, pura ambrosía,
a gorentar o tempo indo apurado.

   É triste comprobar que a vida pasa
baleirando caudal pola derrota;
iluso vindicar no río a nota
que, acorde, capital, brinda, transpasa.

   Incauto corazón, bravo na brasa,
ser carne, ser carbón: mártir mascota.

   
      (Rioderradeiro)