terça-feira, 25 de junho de 2013

Mergullando en mar, ladina.


Bota e reflota no aire,
devota da nube albina,
por tobogán con donaire
da man do vento patina;
a gaivota bailarina
conclúe ballet -¡desaire!-,
mergullando en mar, ladina.
   
    (Rioderradeiro)


quarta-feira, 19 de junho de 2013

Os ollos que golosos te admiraron

    
   Os ollos que golosos te admiraron
e están presos en ti desde aquel día;
os beizos que acadaron regalía
e deses beixos teus se alimentaron;

   O peito, adolescente apaixoado,
a remansar no gozo algarabía;
o corpo, tan audaz, pura ambrosía,
a gorentar o tempo indo apurado.

   É triste comprobar que a vida pasa
baleirando caudal pola derrota;
iluso vindicar no río a nota
que, acorde, capital, brinda, transpasa.

   Incauto corazón, bravo na brasa,
ser carne, ser carbón: mártir mascota.

   
      (Rioderradeiro)




sexta-feira, 14 de junho de 2013

Ao PICO xograr de Esteiro (in memoriam)

«Non hai protagonistas sen secundarios»


   Non coñecín á persoa,
albisqueino en personaxe,
recoñecinlle a liñaxe
que no escenario é coroa.

   Prorrompo aplauso arestora:
limpo, levián equipaxe;
replique o eco a mensaxe
da "Galizaland" señora.

   Rindo sentida homenaxe
a XOSÉ MANUEL OLVEIRA
GALLARDO, voz mariñeira
dunha adestrada oleaxe.

   Muradáns, falta o veciño
de Breogán compañeiro,
caeu telón, xa adiviño…

   Ao PICO, xograr de Esteiro,
noutro papel, manseliño,
maxistral, máis verdadeiro.

   (Rioderradeiro)


quinta-feira, 13 de junho de 2013

Ai, ferida!, esta dor que meina oculta,

   (Petroglifo da Laxe das Rodas, na Eiroa, en Louro-Muros)

(Cargamos co peso de tódalas
ausencias da tribo. Somos
fundamentalmente memoria…)

  Ai, ferida, esta dor que meina oculta,
persistente imprimirse en pena inculta,
agrandando gravura que é sentina!;
ai, a espada, impaciente e sibilina,
que te marca, te amansa e que te ausculta,
para sempre, na campa, clandestina!;
ai, pegada tribal, celta..., e latina,
na EIROA loureá, xurisconsulta!


        (Rioderradeiro)

     (Petroglifo da Laxe das Rodas, na Eiroa, en Louro-Muros)

sábado, 8 de junho de 2013

Na mesmidade encrequeno.

  
  Pensa o calor que conteño
amordazado, inseguro,
que por combustión deveño
tizón de verde en pau duro.


  Dime a razón que me empeño
e o corazón que me apuro
en derribar este impuro
mastro falaz clavileño.


  Ninguén me di que son novo,
ninguén me di que son neno,
ninguén me bota en cumprido,
nin como esmola, un aceno…

  Se desbordo ardor, son lobo;
se dobrego peito, empeno
maduro…, vello…, aflixido…;
na mesmidade encrequeno...


  Por se do xerme renovo

 vigorizado, e sereno.


             (Rioderradeiro)