domingo, 19 de maio de 2013

Despertador do sentido?


   Que foi de ti?, que padezo
de non saber se está escrito
no teu caderno ou prescrito
canto eu gañara en aprezo.

  Que foi de min?, que parezo,
decontino cavilando,
ir por outro preguntando
cando eu perdera enderezo.

  Que foi dos dous? Que resgate
debe pagarse ao olvido?
Renova a frecha a Cupido?
Remata en drama o debate?

  Fóra traxedia! Retrate
de cara o tempo perdido!
Cabe engadir disparate
despertador do sentido?

            (Rioderradeiro)




segunda-feira, 13 de maio de 2013

Confirma o meu pasaporte.


 ¡Ai, amor!, que veño verte
e traio intención comigo
de ser no teu campo trigo
e pan cumprido en quererte.

¡Ai, amor!, quero aprenderte;
se por ventura o consigo,
prego endexamais perderte,
esconxurando perigo.

¡Ai, amor!, perdoa, insisto,
son galán de pouco porte,
busco no teu porto o norte,
en te procurar consisto.

Toda impiedade resisto
polo Fogareiro e Forte
a conquistar; xa estou listo;
¡Ai, amor!, cómpre o previsto:


Confirma o meu pasaporte. 

(Rioderradeiro)


sábado, 11 de maio de 2013

Impreso en nós PEPE AGRELO.



  Era nas formas sinxelo,
doce, xentil, recatado,
xesticulante abreviado,
limpo, frugal, e argadelo.

  No parolar, un modelo;
no persoal, ponderado;
usaba verbo apropiado
para enseguida entendelo.

  Nada máis fácil, querelo;
fora difícil iralo;
fora imposible escoitalo
e, trala escoita, esquecelo.

  Como -repito- olvídalo…,
impreso en nós PEPE AGRELO?,
un verdadeiro regalo.


(Rioderradeiro)



sexta-feira, 10 de maio de 2013

De gorentar pola RÍA,

                                                                                       
                                                                                                    (Revoltallo da vida virtual)

Pido a vosa simpatía,
benqueridos queredores;
coutade ao RÍO os ardores
para estancar rebeldía;

para selar regalía,
sal/dade administradores,
saltade a reixa, señores,
pechade gas á ardentía;

por favor, máis extintores,
reine en paz muradanía;
volverán tempos mellores,
vive Deus,de algarabía;

que implante a grei lindas flores
de gorentar pola RÍA,

(Rioderradeiro)




No garamelo, un bo trago.
______________________

Non o desarma Estrabón
Nin o derrama un mal pago,
Rioderradeiro, aciago,
Dalle alpiste ao gorrión
No garamelo, un bo trago.

(Rioderradeiro)


quarta-feira, 8 de maio de 2013

En muro tan eminente.




Deus, que vai do todo á parte,
mora moi principalmente 
etiquetado e patente
de armadura e de estandarte
en marco tan eminente.


(Rioderradeiro)