terça-feira, 2 de outubro de 2012

Co seu bastón por catana.

Toma as notas no xornal
Para aforrar na libreta;
De zurdo escribe, interpreta:
-¡Insurrección cantonal..!

Mete a trote en carabina
Palabras sen calzador:
Ben precisa un extintor
Para encalmar gasolina.

Din que en galego lusista,
Con retranca loureana,
Crea, recrea, reencana

Credo revolucionista;
¡Vive Deus!, se se despista
Na tenda, por tarambana…

Que escude o cu con badana
Cando Milagros llo asista
Co seu bastón por catana.


 (Rioderradeiro)



Devolve ao mar tempo mozo.


  Con traxe de presidiario,
a vela co vento vén;
parece que lle convén
á driza o ton carcerario.

  Non lle presta ao calendario
un vendaval con cortina;
pixama a raias culmina
en porto, no relicario.

  Peirao..., fóra aloumiños,
espido o mastro de aliños,
truncado o seu alborozo,

  Sen remos, sen aquel gozo,
sen azos, no calabozo,
eivada a luz dos camiños...,

  Desbordando aos adiviños,
devolve ao mar tempo mozo.

(Rioderradeiro)



domingo, 30 de setembro de 2012

Se cantan polo bebido.

                                          (Alfonso Pouso)


¿Quen vén sendo este cuarteto?
¿Por que están tan abrigados?
¿Quen bebe dos disecados
Mencía coma un cateto?

¿Por que o mostacho un gordete
Arrufa de medio lado?
¿Por que debruza escorado
A estribor tralo sorbete?

¿Queres saber canto importa
De canto foi requerido?
Redondel, punto e seguido

En Pitís, porta con porta;
Paga outra rolda en Sahorta
Se cantan polo bebido.

 (Rioderradeiro)



Todo o marisco en “Alcampo”.

Foto: FRASE AMBIGUA PARA LECTORA MOI MIRADA COS TEXTOS.
¿Que quere dicir?
a) Prohibido esquilmar as especies ata a súa desaparición.
b) Prohibido recoller calquera clase de marisco.
c) Terminantemente prohibido mariscar o que sexa e atéñanse ás consecuencias de facelo.

Ir á praia a marear,
Interdito á marisqueira;
Campa un cartaz na ribeira:
“Prohibido mariscar…”;

Ao rastro de pescudar
A papanza onda a mareira,
Prohibición cancerbeira
En canto ao seu procurar;

Porque, a bo fe, “prohibir”,
Implantar portas no campo
É trasplantar dun relampo,

Con máquina de escribir,
Nun triste acuario inscribir
Todo o marisco en “Alcampo”.

 (Rioderradeiro)


quarta-feira, 26 de setembro de 2012

Perseverante, á deriva.


Non sei se teño ou reteño
Descarnada encravadura
Reconvertida en costura
Polo cartaz de deseño.

Sinto un puñal afincado,
Rempuxando empuñadura,
Revalidando a fisura
Por compulsión no furado.

Descabelado contexto,
Competición por pretexto
Provocando narrativa,

Cal criminal que cativa,
Enfebrecido no xesto,
Con pertinacia abusiva

Na mesma chaga abrasiva
Pon máis puñal deshonesto,
Perseverante, á deriva.


 (Rioderradeiro)

File:Gladius 1.jpg
(Wikipedia)