sexta-feira, 14 de setembro de 2012

Dun andar-desandar case indecente.


  A porta do verán pecha o sentido;
Minguado o sol, rebaixa o ton da lira,
Retorna o cotián, forxa a mentira,
Chove nun corazón máis resentido.

  Nublouse o teu amor de andar metido
Dentro, fóra de ti, ás palpadelas;
Partindo en si, en non, coas querelas,
Por que foi ou non foi correspondido.

  A sombra do serán vén recalcada,
Remoe na paixón a chama ausente,
Chouta na noite, a treu, irreverente...

  A teima de inxertar trasnos na fada
Comprende, prende, afoga en labarada
Resaca contumaz concupiscente…

  Dun andar-desandar case indecente.

    (Rioderradeiro)

segunda-feira, 20 de agosto de 2012

En arousano azul aseverada.


 Que silandeiro o sol testa albedrío,
como mergulla inxel ben tan prezado,
como aborda verdor vivo apresado,
que mararabilla ver cambiar o río.

 Como debruza a luz froital latido,
que melodía impar primor pintado,
que encalmado caudal representado,
como inspira ao pincel mar presentido.

 Que manseliña vai, ceiba, apousada,
como encora e contén, como procura
a palabra en sazón recuperada;

 Como en Catoira fai funil feitura,
que divino verquer, ao mar levada,
a voz que o Ulla ten e que perdura...

 En arousano azul aseverada.


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 17 de agosto de 2012

Que apaña pico en portada.


Coitelo de carniceiro
Recorta versos curtidos,
Desmesura os concebidos
Con metro de carpinteiro.

Con tesoiras de podar
Descarta ideas podridas,
Escorrenta as prohibidas
No obradoiro do pensar.

Come o canario e resiste,
E canta cego a balada,
Vive unha vida dourada,

Engaiolado, ben triste,
Nunha versión revisada
Pola despensa de alpiste

Que apaña pico en portada.

(Rioderradeiro)



(Wikipedia)

(Wikipedia)

segunda-feira, 13 de agosto de 2012

No seu papel de notario.




  Hai coma un certo feitío
na estampa dos agrupados,
teñen os brazos cruzados
con seráfico adobío.

  Meniños, adolescentes,
na soedade adestrados,
semellan desvencellados
de cargas concupiscentes.

  Daguerrotipo analista,
con poses de seminario,
garda en perfil relicario
grandes misterios á vista.

  Do pregón pende inventario
do lastre materialista:

  O frade pasou revista
no seu papel de notario.

         (Rioderradeiro)


sexta-feira, 10 de agosto de 2012

Cravo candente adiviña.




  Refectorio do Colexio,
todos ben condecorados,
de vellos tan conservados,
vive Deus, que amigos vexo!

  Ata este peito tatexo,
que no corpo anda atrapado,
semella máis apropiado,
vive Deus, que o seu pelexo!

  Cantos amigos, Deus Santo,
recollidos xa na Gloria!;
canto esquecido na noria
do tempo que rouba tanto!

  Fágase a luz no recanto
do corazón da memoria.

  Gocemos, hoxe, no entanto,
colexiais, xuntos na historia.

                                                        (Rioderradeiro)



  Herbón conserva o que labra
-quen te viu e que te (ad)mira-,
canta a palmeira e conspira
con apresada palabra.

  Ulla baixa presumindo,
remansa, bica convento,
fai no inverno casamento
contra natura invadindo.

  Antonianos estudantes
traducen versos latinos;
polos claustros, peregrinos,
contumaces musicantes...

  Oubean, recalcitrantes,
solfexando desafinos.

  Ulla escoita aos diletantes,
arranxa Herbón desatinos.



(Rioderradeiro)



  Eramos nenos daquela,
seráficos xubilosos,
insubornables, curiosos,
infatigables na arela.

  Adolescencia sinxela
a pescudar, xenerosos,
o mundo dos cobizosos
albiscado por xanela.

  Herbón selou canto (im)puxo,
tamén nos deu canto tiña;
chantou  na chama esa espiña
que furga en ti coma un luxo.

  Pola saudade camiña
vella doenza que, bruxo,
cravo candente adiviña.


(Rioderradeiro)