sexta-feira, 17 de agosto de 2012

Que apaña pico en portada.


Coitelo de carniceiro
Recorta versos curtidos,
Desmesura os concebidos
Con metro de carpinteiro.

Con tesoiras de podar
Descarta ideas podridas,
Escorrenta as prohibidas
No obradoiro do pensar.

Come o canario e resiste,
E canta cego a balada,
Vive unha vida dourada,

Engaiolado, ben triste,
Nunha versión revisada
Pola despensa de alpiste

Que apaña pico en portada.

(Rioderradeiro)



(Wikipedia)

(Wikipedia)

segunda-feira, 13 de agosto de 2012

No seu papel de notario.




  Hai coma un certo feitío
na estampa dos agrupados,
teñen os brazos cruzados
con seráfico adobío.

  Meniños, adolescentes,
na soedade adestrados,
semellan desvencellados
de cargas concupiscentes.

  Daguerrotipo analista,
con poses de seminario,
garda en perfil relicario
grandes misterios á vista.

  Do pregón pende inventario
do lastre materialista:

  O frade pasou revista
no seu papel de notario.

         (Rioderradeiro)


sexta-feira, 10 de agosto de 2012

Cravo candente adiviña.




  Refectorio do Colexio,
todos ben condecorados,
de vellos tan conservados,
vive Deus, que amigos vexo!

  Ata este peito tatexo,
que no corpo anda atrapado,
semella máis apropiado,
vive Deus, que o seu pelexo!

  Cantos amigos, Deus Santo,
recollidos xa na Gloria!;
canto esquecido na noria
do tempo que rouba tanto!

  Fágase a luz no recanto
do corazón da memoria.

  Gocemos, hoxe, no entanto,
colexiais, xuntos na historia.

                                                        (Rioderradeiro)



  Herbón conserva o que labra
-quen te viu e que te (ad)mira-,
canta a palmeira e conspira
con apresada palabra.

  Ulla baixa presumindo,
remansa, bica convento,
fai no inverno casamento
contra natura invadindo.

  Antonianos estudantes
traducen versos latinos;
polos claustros, peregrinos,
contumaces musicantes...

  Oubean, recalcitrantes,
solfexando desafinos.

  Ulla escoita aos diletantes,
arranxa Herbón desatinos.



(Rioderradeiro)



  Eramos nenos daquela,
seráficos xubilosos,
insubornables, curiosos,
infatigables na arela.

  Adolescencia sinxela
a pescudar, xenerosos,
o mundo dos cobizosos
albiscado por xanela.

  Herbón selou canto (im)puxo,
tamén nos deu canto tiña;
chantou  na chama esa espiña
que furga en ti coma un luxo.

  Pola saudade camiña
vella doenza que, bruxo,
cravo candente adiviña.


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 3 de agosto de 2012

No balcón da Pallagheira.

 
(Dona Petra Loxo coas súas alumnas, a mediados dos anos 50)

« La rose est sans pourquoi,
elle fleurit parce qu'elle fleurit,

elle ne se soucie pas d'elle-même,

elle ne se demande pas si on la voit. »

(Angelus Silesius, Livre I, 289)
Foto: En Louro 
(N ieves Formoso Vidal)

  Zarpas desde Eira dos Marcos,
xa te controla a Morena;
os Anxos, como en escena,
alzan un arco aos de Barcos.

  En Louro nunca o pecado
prosperou, porque te apures;
por moito que te aventures,
o demo lisca apestado.

  Para que mellor te axudes,
collendo cara a San Roque,
do santoral, sen retoque,
todo un plantel de Virtudes:

  Esperanza e Caridade
na fe que move montañas,
pon devoción nas entrañas
do Campo Felicidade;

  Purificación, Prudencia,
as Milagros, as Dolores;
máis castidade en amores
onde reside Inocencia.

  Non mentirei, ben sabía
que, do Outeiro á Lavandeira,
das Laxas ata a Mureira,
discútenme a santeiría…

  Que non me veñan con lerias,
se realzo a quen venero,
meto no altar a quen quero,
pois non reparto miserias.

  Arribei: Fóra xenreira!
Polos vieiros da euforia,
meu Deus!, xa topei con Gloria
no balcón da Pallagheira.


(Rioderradeiro)


quarta-feira, 1 de agosto de 2012

Onde intestino o repase.

                                                                          "Señor, señor,
                                                                                                             este ghalo quer pór."                                                 
                                                                                    (Manuel da Balaia)

  Non insulta un Descosido,
pois non, non pode insultar
quen escribe sen pensar,
porque lle falta o sentido;
só lle cabe esbardallar,
falando máis do debido.

  Se o malpocado pensase
canto ao contado escribiu
e na mente concibiu
con ocurrente desfase,
non creo que o disparase
completo polo maxín,
a non ser que o reforzase
con credo de calcetín
para que o cheiro empurrase
en pé quebrado adoquín.

  Se este capón recordase,
outro galo lle cantase
-faise duro supoñer-,
botando a lingua a pacer
no poleiro ao comprender
que ovo a piques de poñer
pola boca non lle pase;
logo, a palabra acompase
apuntando o seu poder
onde intestino o repase.

                    (Rioderradeiro)