(Dona Petra Loxo coas súas alumnas, a mediados dos anos 50)
« La rose est sans pourquoi,
elle fleurit parce qu'elle fleurit,
elle ne se soucie pas d'elle-même,
elle ne se demande pas si on la voit. »
(Angelus Silesius, Livre I, 289)
Zarpas desde Eira dos Marcos,
xa te controla a Morena;
os Anxos, como en escena,
alzan un arco aos de Barcos.
En Louro nunca o pecado
prosperou, porque te apures;
por moito que te aventures,
o demo lisca apestado.
Para que mellor te axudes,
collendo cara a San Roque,
do santoral, sen retoque,
todo un plantel de Virtudes:
Esperanza e Caridade
na fe que move montañas,
pon devoción nas entrañas
do Campo Felicidade;
Purificación, Prudencia,
as Milagros, as Dolores;
máis castidade en amores
onde reside Inocencia.
Non mentirei, ben sabía
que, do Outeiro á Lavandeira,
das Laxas ata a Mureira,
discútenme a santeiría…
Que non me veñan con lerias,
se realzo a quen venero,
meto no altar a quen quero,
pois non reparto miserias.
Arribei: Fóra xenreira!
Polos vieiros da euforia,
meu Deus!, xa topei con Gloria
no balcón da Pallagheira.
(Rioderradeiro)