segunda-feira, 23 de julho de 2012

Noutro caderno rival.



  Por un detalle insultante
servidor dunha malicia,
apodérase avaricia
do corazón arrogante.

  Basta na vida un instante
para corromper caricia,
tórnase ao punto estulticia,
porque aparenta importante.

  Simple detalle final:
do caderno orixinal,
contracorrente sacando,

  As horas vanse adaptando
con tintes de carnaval,
decontino ilas copiando...

  Noutro caderno rival.

           (Rioderradeiro)


sábado, 21 de julho de 2012

Os ghaivotos que aPPestamos


Polas ghaivotas sentimos,
Polas ghaivotas vivimos,
Polas ghaivotas votamos,
As ghaivotas preferimos
Porque con elas probamos
A merda que consumimos;
Coma PPaixocos soñamos
O mundo que aPPetecemos;
Deus da banca veneremos,
Se con “burca” rescatamos
Do furado onde taPPamos
Con lume tales extremos.

¡En que líos nos metemos
Os ghaivotos que aPPestamos!

(Rioderradeiro)



sexta-feira, 20 de julho de 2012

Con tesoiras Mariano


Ghracias a Deus que cheghou
Con tesoiras Mariano
A podarlle á banca o ghrano
Que das costas trasvasou,
Por botín, a Case/ano.

As ghracias que acometeu
Por un bo rato Montoro
Son chocolate de loro
No furado onde meteu
Con Ghindos a Pel-de-Touro. 

O demo dille a Caín
De acabar co seu irmán,
Abel agradece a man
De quen pon firma ao seu fin
Con queixada de refrán.

(Rioderradeiro)



(Wikipedia)

Foi desangrar corrosivo.

 
  
  Porque estou dentro da espada
que me traspasa a cotío,
son tizona e desafío
na mente desenfundada.

  Porque me recollo en nada
a baleirar no baldío,
nada engado e nada fío,
pois derrameime envaiñada.

  Non gardo porque non vivo,
non vivo porque me embalo,
non son quen de imaxinalo

  No meu haber negativo:
a vida, máis que regalo,
foi desangrar narrativo.

(Rioderradeiro)


quarta-feira, 18 de julho de 2012

Con caspa do “pedigrí”.


Redondillas apestadas
engarabella Clemente
nun corrido impertinente
con palabras apañadas:

  Escoita o vento o teu nome
da boca do sentimento,
baila na brisa argumento,
nun suspirar se consome.

  Non confundan camarón
no canto de pór centola,
langostino en vez de orola,
ameixa por longueirón.

  Que non vos pida perdón
quen roubou do silabario
tres follas do calendario
para escribir: posesión!

  Dinlle caseiro a Ramón
por casar con Micaela,
á irmá del dinlle Candela
porque lle ladra á ración.

  Prohibido á denosiña
conversación co coello,
prohibido no cortello
deitar co gato a galiña.


  Canto me doe este fillo!
A boroa non ma dan,
para unha peza de pan,
moitos ferrados de millo.


Anda o cabalo embridado
recriminando ao xinete:
-Descabalga, Xoanete,
e tourea de contado!


Brando verdor pola braña,
bandeira ao vento bracea;
vicioso quen saborea
o sebo calvo á cucaña.


Desterrado o seu cariño,
relambe descariñado
o corazón despiadado,
venerando o seu corpiño.

  Por unha fecha de viño
cambiase queixo á merenda,
a gorxa del recomenda
abrir gañote ao groliño.


De uniforme de campaña
pasa a vida meditando;
alento vai tributando
devolvendo a mala saña.


Garde esa gaita, Miguel,
que non lla toque Elisenda;
baile a muiñeira Rosenda,
á grileira, Rafael.


O sangue azul do can dela
non o aparenta o papel,
apoia a pulso o pincel,
alporizada a cadela.


Vós de aí e nós de aquí,
xuntos, anque separados,
temos os ollos blindados
con caspa do “pedigrí”.

(Rioderradeiro)