domingo, 17 de junho de 2012

Abraza en vela a badía.


  Navega sen lei nin vento
embozado en valentía,
abraza en vela a badía
e deixa o mar sen alento
encalmada a marusía.
             

  Nos soportais brega agora,
axita en mans valemento,
desborda en barba argumento
curricán do mar de fóra
Recalcando o pensamento.


  Embozado en valentía,
abraza en vela a badía.


  Navega sen lei nin vento
e deixa o mar sen alento...


        (Rioderradeiro)


quinta-feira, 14 de junho de 2012

Concelleiros de cartón.




Tiñamos representantes,
Tridente en Corporación,
Colados coma cordón
Polo calzado campantes,
Prófugos pola intención,
Póstumos determinantes
Dun sintagma de salón
Que agora creo que son,
Sen siglas relacionantes,
Tres vasos concomitantes
Cambistas de condición,
Rentistas reconfortantes,
Trobeiros recalcitrantes
Concelleiros de cartón.

(Rioderradeiro)


sábado, 9 de junho de 2012

LONGARELA, fluvial, tan mariñeiro...



  Paga en prata cabal o seu camiño,
pasantía en peaxe..., auga doncela
recollida por canle a cantarela,
devolta por rodicio en remuíño.

  Colle impulso, profesa longa arela,
devoto mendicante peregrino;
invocando aos finados decontino,
pois VILARES mantense en sentinela.


  Busca Axito, respira, e baixa á Braña,
á Lagoa-funil, brinda ao cruceiro:
borboriña oración, verque no Ungüeiro...,

  Convencido en seguir Santa Compaña
no balbordo limiar, que ben se apaña
LONGARELA, fluvial, tan mariñeiro...,

  Müiñeiro do mar con tanta maña.

       
            (Rioderradeiro)




quinta-feira, 7 de junho de 2012

Alucinarlle o corpo á muradá.


  Esta gaita grileira como aviva
degoiros de romaxe ao pór na festa
punteiro, fol… A man como se apresta
a peneirar os sons, caritativa…

  Cornamusa cordial, corporativa,
abrente manancial, como desperta
nos pés da bailadora en danza experta
que en canto ao corporal é curativa…

  Porque a gaita convence á ribeirá,
alborozada, amosa no aloumiño
axustado corsé, chambra rumbosa;

  A saia salientada vén frondosa
e, concorde, cabal sobre corpiño,
bule, encrequena, efervescente está:

  Sabe a muiñeira, cando colle aliño,
alucinarlle o corpo á muradá.

                              (Rioderradeiro)




quarta-feira, 6 de junho de 2012

No mastro, ese farol en singradura.




  
  Pinta, pintor, provisto do teu arte,
o día de verán que te alucina;
prende, pincel, da estrela matutina
linda mañán de sol para embarcarte.

  Alza na nave a vela de estandarte,
arma timón -cubeta na sentina-,
alarga escota e cóbralla en bolina,
afronta mar maior para embargarte.

  Pinta, pintor, as vagas atrevidas
a bordo pola proa embravecidas,
chica a tilla de escuma asolagada;

  Alza na nave a voz, ceibe a poutada,
prende, pincel -que a noite negra apura-,
no mastro, ese farol en singradura.


(Rioderradeiro)