sexta-feira, 6 de abril de 2012

- As mordeduras do tempo.



 Tal tristura trae o vento..,
sempre se lembra de min;
decontado cata invento
de tapares con carmín
as mordeduras do tempo.


  As cicatrices do tempo,
que non dá tregua á costura,
non as esconde a pintura
nin as borra o linimento,
pois prenden no pensamento.


  Semente de encravadura
sementada en tal fondura
ha xermolar ferazmente
na faciana, en preferente
disfrace..., caricatura.  


  Vive do froito, é seitura;
decote, por desalento,
viste de triste; é fermento
de tornar da zona escura;
é farol a súa armadura.


  Tal tristura trae o vento..,
sempre se lembra de min;
decontado cata invento
de tapares con carmín
as mordeduras do tempo.

                (Rioderradeiro)



quinta-feira, 5 de abril de 2012

Amortallando a luz dunha quimera.


  A tormenta de nubes xa quebranta,
a envoltura do tempo xa atormenta,
a  chuvia fai do vento ferramenta
a enfarelar a terra cando avanta.

  A fasquía da tarde, terca, aguanta,
tatexa e porfiante representa
desventurada luz sen vestimenta
que o mar maior deglute por garganta.

  Non hai repetición senón ocaso,
non hai perdón de graza nin retraso
do día que esgazou da grande esfera;

  Se a branca nube se tornou severa,
será porque o solpor firmou fracaso
amortallando a luz dunha quimera;

  Estertores de inverno en primavera.


                                (Rioderradeiro)




sábado, 31 de março de 2012

Debaixo do refaixo esta barreña.



  Debaixo do refaixo que atesoura,
abrolla o manancial que a sede ansía;
xílgaro tricolor calma ardentía,
pois zuga, pertinaz, da laga loura.

  Rebaixa do caudal, hora tras hora,
o prezo a descontar, sen garantía;
que é tempo baleirado, en regalía,
de abeberar ledicia en cada aurora.

  Enriba do lecer que se regala
habita aniñadoiro onde el manteña
a secura da voz; como se empeña,
para ser máis vivaz, en potenciala!:

  Promulga profusión de conformala:
relouca, alza a voar, finta, deseña...

  Pintasilgo, no canto, esta barreña.

  

                          (Rioderradeiro)



terça-feira, 27 de março de 2012

Prisioneiro en festín por alameda.










  
  Pode o tempo abrigar doente espera,
pode acaso seguir calado airoso,
pode iluso sentirse ata ditoso,
pode incluso vagar pola quimera;

  Que o candor do teu ser é poderoso
coma flor no xardín da primavera;
que o valor de vivir só persevera
coma alicerce en prol do primoroso.

  Que rebente, por fin, pel reprimida,
máis ardente o pracer, máis alma espida,
ventureira, veraz, crebando veda;

  Que agrande o teu querer, brindes á vida,
ao sangue redentor que a carne aleda;
que triunfe o corazón de canto enreda…

                              
                           ****
                       
  Cando abeberes nel serás benvido,
cando te albergues nel serás vencido
por narcisista espello en almoeda.   


           (Rioderradeiro)

Ficheiro: Sandro Botticelli 046.jpg
(Wikipedia)

segunda-feira, 26 de março de 2012

No corazón malversada.

Resultado de imaxes para picasso
(Wikipedia: Picasso)

  Torna a medrar cando parte,
perfuma fogo prendido;
xa armara lume Cupido
dun frechazo, ao dispararte.

  Tenta deterte, adorarte,
desventurada, adquirirte;
e, pola brava, invadirte
co seu querer devorarte.

  A chama remata a rima,
reprega a parte inflamada,
fumegante o nó da estima.

  Cinsas, terra devastada,
desolación...; tanta esgrima
no corazón malversada.

                (Rioderradeiro)

Imaxe relacionada
(Wikipedia: Picasso)