segunda-feira, 26 de março de 2012

No corazón malversada.

Resultado de imaxes para picasso
(Wikipedia: Picasso)

  Torna a medrar cando parte,
perfuma fogo prendido;
xa armara lume Cupido
dun frechazo, ao dispararte.

  Tenta deterte, adorarte,
desventurada, adquirirte;
e, pola brava, invadirte
co seu querer devorarte.

  A chama remata a rima,
reprega a parte inflamada,
fumegante o nó da estima.

  Cinsas, terra devastada,
desolación...; tanta esgrima
no corazón malversada.

                (Rioderradeiro)

Imaxe relacionada
(Wikipedia: Picasso)

terça-feira, 20 de março de 2012

A fartura que foi soño.


  A fartura que foi soño,

esmola que o demo dá,

tira de acó pra acolá,

repunta coma retoño,

repite como maná.



  Por canto escribo de pé,

con tal altiveza poño

a cabeza dun bisoño

por revivir en quen ve

a fartura que foi soño.

 

  
  Desde a fiestra, o felino,
fite a fite -miau!-, porfía
ao rato da fantasía
que de fóra o desafía,
máis real..., luciferino.


  Fora a frauta de Haladín,

garamelo galopín,
desatino ou desafino?



                     (Rioderradeiro)


Pied piper.jpg
(Wikipedia)

segunda-feira, 19 de março de 2012

Antes de ser corrompido.


  Por moito correr, inquedo

por demais, ben implantado,

por te sentires calzado 

no maxín, coma un tancredo,

no soño... vés disparado.

 

  A mente monta mordaza

de contención do sentido,

pon recanto comprimido

de cantautor con coraza,

calza buceira ao sufrido.

 

  Por moito correr cargado

de camiños na cabeza,

ninguén desanda a vileza

dun mundo desvencellado

do corazón da beleza.

 

  Que é vivir? Talvez volver

ao tempo inxel de nacido,

firmar co propio apelido

e de pronto esvaecer

antes de ser corrompido.


                      (Rioderradeiro)



domingo, 18 de março de 2012

Biscoitos con alacrán.


(Wikipedia)

  Camiño do teu penar

dun ir e vir de contino,

con/texto de conversar

Ti contigo, encadear

as patadas do teu sino.

 

  Escrupuloso asasino,

corruptor de leviatán,

bala, rosario e casino,

puñal para peregrino,

conivente o capelán.

 

  Coherente co pensar,

facer o mal con cariño,

bautizar velas no bar,

vivir de bota e de altar

beber da man que auga o viño.

 

  Pureza de rancho fino:

veleno para refrán,

hamburguesa de intestino,

flatulencias de porcino,

biscoitos con alacrán...:


  Filigranas de alcatrán

para padal palatino.



 (Rioderradeiro)



(Wikipedia)

sexta-feira, 16 de março de 2012

Pór raxo en berberecheira.


  
  Brioso o forzado arrimo,
amansado na moldura,
o vimbio abrazou feitura
de regazo e de agarimo.

  Xa cesto, ostenta balocas,
allos, cebolas e grelos…;
mil ollos para comelos
á vista de tantas bocas.

  Inda non sabe a fogueira
se ha ser caldo ou caldeirada,
a corre ancora, abeirada
ao peirao da lareira.


  Pór raxo en berberecheira,
desempate en empanada.


(Rioderradeiro)