sábado, 25 de junho de 2011

A ofrenda en combustión cando alucina.

    (Rioderradeiro)

  Chega o verán: calor que desespera
neste tramo inicial de vella andanza.
Xuño estoupou: consumouse a mudanza
de recargar con sol máis primavera.

  Chega o verán: delirio que xa impera
de abrente ata serán; nova esperanza,
encarnando ouropel e contradanza,
alanca a treu no tren dunha quimera.

  Chega o verán: un tempo que vacina
a condición humana de incerteza;
Xuño é viral: no matraz da impureza,

  Probar de corazón a medicina…
por ti, verán!, rebentarlle a nobreza
á ofrenda en combustión cando alucina.



 (Rioderradeiro)


(Rioderradeiro)

sexta-feira, 24 de junho de 2011

Esquece o canto cruel da cruz da tarde.



  Bela, pura, flamante en colorido,
fuches, vida, tan linda, primorosa;
enxordeces de fada vaporosa
expulsada do Edén polo estoupido.

  Un festín de pracer tan encendido,
fuches, vida, nun tempo, tan ditosa;
palideces en min, perla preciosa,
quebrantada en xardín tan florecido.

  Zuga da veta, vida, que aída hai vela
na faísca de luz que aínda arde;
fréalle o carro ao sol, que se retarde...
na malva-rosa astral da miña estrela.

  Consello convincente, non covarde: 
amárrate ao timón da carabela,
esquece o canto cruel da cruz da tarde.


          (Rioderradeiro)



quarta-feira, 22 de junho de 2011

Porque te abre en canal cunha ganzúa.




  Por ser mendaz, fanfarra e cacatúa,
muíño a remoer e pan de ausencia,
encanta virtual con tal potencia,
porque te abre en canal cunha ganzúa.

  Por non ter mans, nas mans da mente actúa;
ave rapaz, fecunda impertinencia,
xoga no andar, artella inconsistencia,
fonde en falacia esa potencia súa.

  Arma voraz, no soño sempre apura;
arma inveraz, a fame nunca a cura;
arma vivaz, fermento da palabra.

  Pinta sabor en verso cando labra
místico matinar:-Abracadabra!

-Ábrete, portalón, paso á loucura...,
prisioneira en poder da túa cor/dura!

                              (Rioderradeiro)


segunda-feira, 20 de junho de 2011

En cruz solar, fronte ao Cabo Fisterra.

Fervenza do Ézaro 17IV2014 02.jpg
(Wikipedia

  Pousa talón, impulsa con tal brío,
que llo espeta no pé ao Pindo aspado;
torrencial e fervente, afervoado,
debruza sobre o Ézaro albedrío.

  No mar maior, que desmemoria río,
rende -tronchada canle- desleigado,
na inmenside azul descabalgado,
todo o caudal tributo en señorío.

  Cóbrega, linda serpe desangrada,
mil lóstregos de ardor lanza encrespada;
na pel do mar, preso en literatura,

  Xa o Xallas, consagrado na escritura
do gran Neptuno, onda tridente aferra
en cruz solar, fronte ao Cabo Fisterra.

           (Rioderradeiro)



sexta-feira, 17 de junho de 2011

.- Confía o bo barbeiro en dar a cara.

Resultado de imaxes para barbero en el quijote wikipedia
(Wikipedia)


  Oficiar de barbeiro..., a fidalguía
de librar con tesoiras a batalla,
de labrares con pente e con navalla
en toxeira facial outra fasquía.

  Profesa este barbeiro a pasantía
de subir e baixar, meixela untada,
a gadaña barbeira confrontada
ao mato capilar, con puntería.

  Acredita, maestro, a maestría;
multiplica o barbeiro a valentía
-que, en varón, neste oficio, é cousa rara-
de baixar da cabeza a pór a cara;

  Non tolera o barbeiro a vilanía;
non degrada o seu don, porque o compara
a profesar na fe da profecía;

  Profetiza tan ben!: desenmascara!



(Rioderradeiro)




(Wikipedia)