quinta-feira, 16 de junho de 2011

Levantade telón, palco, e platea.

  
  Outra inflexión solar polos coídos,
arqueiro do vivir, vés disparando,
da prisión do candil vés liberando
vagalumes de luz empedernidos.


  Dardos de envelenar esparexidos,
puñaladas na pel vésme empurrando;
socavados na fe, vésme explorando
recantos corporais controvertidos.


  Este fantasma meu, fatuo na idea;
este meu pedestal, preso en cadea;
esta estatua de sal, falsa e mezquiña,


  Malfadada de seu, cega, apoupiña …
espantallo que eu son, salta, sortea,
espreguiza, por fin: anda..!, camiña..!


  Levantade telón, palco, e platea.


    (Rioderradeiro)

sábado, 11 de junho de 2011

.- Manter ben vivo o relato.




  FE, debuxar, tralo estrés,
a sombra do teu zapato,
tapar con fume o burato,
comungar puro alegato;
subido á punta dos pés,
vestido en pel de marqués,
empeñado autoboato,
decretarlle un sirventés,
pluscuamperfecto o formato,
a este "turista de ornato"
que entrou na Pedra, ao barato,
confundido, como ves... 


  Endomingado e cortés,
virtual vello Berbés,
voltar!, baixar do retrato,
vertebrar o sindicato
cunha maleta, ou con tres,
rebaixando “O Corte Inglés”.


 FE, debuxar, tralo estrés,
a sombra do teu zapato,
tapar con fume un burato,
confundido, como ves...

  Manter ben vivo o relato,
contar dereito ao revés...,

  Pola face e polo envés.


    (Rioderradeiro)




quinta-feira, 9 de junho de 2011

Roldana que enrola en frío.

Archivo:Cuculus canorus.jpg
(Wikipedia)

(Wikipedia) 


  Engorda a madeixa en frío,
pula a tarefa empurrando,
porfía a corda apurando
roldana que enrola o fío.



  Amosa o sol sobre a ría
un debruzar barbanzano,
sementa o vento tirano
un vendaval de ardentía.

  Santificar insolvencia
nunca sobre espello vin
nin tampouco apercibín
inmaculda impaciencia.

  Se, cuco, empoleiras niño
sen pegas, ou con fianza,
ladino pagas confianza
da purga, cuco, cuquiño.



  Roldana que enrola o fío
porfía a corda apurando,
pula a tarefa empurrando,
engorda a madeixa en frío.


(Riderradeiro)


 
(Wikipedia)

quinta-feira, 26 de maio de 2011

Compás de marear, rosa imantada.


  Mimosa, fronte ao mar, cingue de albura
a prezada altivez cando engalana;
tributa en celestial, campante, ufana,
inflamada de luz, preme na altura.

 Inflamada de luz, presa, e segura,
fala, na robustez, responde, humana;
non logra comprender cando, louzana,
torna, no ornamental, de sepultura.

 A rosa, caravel que a tempo activa,
altiva e, con razón, desconfiada,
pregúntalle ao solpor pola deriva;

 A rosa, sen saber, vai de arribada
a bordo dun batel; devén cativa
dos remos da ilusión, engaiolada,

 compás de marear, rosa imantada.


 (Rioderradeiro)



sábado, 21 de maio de 2011

Evocada en arpón coma unha espada.





  Senlleira a nave, a proa remendaba
a plenitude en mar que pervertía;
senlleira a nave,  adversa percorría
malversando a paixón que procuraba.

  Senlleira a nave, o vento rebentaba
máis designios do azar que travesía;
senlleira a nave, en vaga estremecía
a verga de babor cando apuraba.

  Senlleira está, sen vela, desvelada
no pranto en leixaprén dunha cantiga,
a nave, en furacán desenvaiñada,

  Afincado o perfil coma unha intriga,
senlleira e seminal coma unha espiga,
evocada en arpón coma unha espada.


(Rioderradeiro)