terça-feira, 8 de março de 2011

CARTUCHO anxelical que se inflamara.

  
  Albura sen igual, inmaculada,
loces carne mortal, ouro en patena,
a flama que se inflama e se refrena
no cáliz da paixón engaiolada.

  Albergas na prisión tan resignada,
o mastro ergueito, a brisa burla antena;
reflictes na brancura a faz da pena
da verga en vertical desenvaiñada.

  Como lle has apagar tanta quentura
se bebes sede ardente da secura?
Cobizas consumar a cruz ou cara,
pretendes perpetrar envergadura...

  Involucrando LIRIO en desventura.
Endexamais tal fame se fartara:

  CARTUCHO anxelical que se inflamara.

          (Rioderradeiro)



sábado, 5 de março de 2011

Cartas de navegar que rebentara.


Archivo:NimrodDepartingToSouthPole1907.jpg

  Do Mar Maior –de inconfesado brío-,
xorde arroaz, alanca, chouta ledo,
sulca pélago azul, con pulo, inquedo,
dorsal abandeirado en albedrío.

  Camiño do solpor, que é campa de navío,
se renuncia a gaivota ao seu enredo,
se o cormorán gaba o seu loito acedo,
vaga de fondo empurrará en bravío.

  Estoupa o bergantín -cen mil estelas-:
tres mastros, verga, foque, botavara…;
deglute, cruel, gorenta o que estragara.

  Sen desvelar designios nin tutelas,
o vendaval devolve, das tres velas,
cartas de navegar que rebentara. 

  O Mar Maior subscribe nas estrelas.

       (Rioderradeiro)

Resultado de imaxes para: naufragio bergantin

sábado, 26 de fevereiro de 2011

Breve o vivir: Beber do berce a sede.


  Ai da vida!, de efémera constancia,
mimosa ata devir zalamería;
ou!, degoro da grei da baronía
e na conta total suma arrogancia.
  
  Ai da vida!, ruín, vacua ganancia,
prebenda e pedestal e pedrería,
enredo e comechón, galdrupeiría,
xarope de ilusións de eterna infancia.

  Pois cóbrega funámbula dá intriga,
pois demorada luz téndelle o brazo,
réndelle a man voraz e mailo abrazo
á soterrada fame da lombriga.

  A parca acurta a hora e colle a rede
de respirar alento que te enrede.

  Prende o moer na granazón da espiga
breve o vivir: beber do berce a sede.



(Rioderradeiro)



quarta-feira, 23 de fevereiro de 2011

Acosa o sol xogando esta partida.



  Acosa o sol, pon linda a cara triste
e demuda a tristura en algazara.
Acaso a man do sol ben recadara
na caricia que prende en quen resiste.


  Acosa o sol, no resplandor consiste
revelar luz que o divino inventara.
Acaso a luz do sol simbolizara
a inmanencia de Deus en canto existe.


  De ocaso o sol, acaso  deita acedo,
acochado no mar, pernocta ledo,
dá a batalla carnal dun deicida,


  Persegue a salvación pola amencida
e, volto a se encimar, a porte inquedo:
Acosa o sol xogando esta partida.

(Rioderradeiro)


segunda-feira, 21 de fevereiro de 2011

"A dignidade" é pau con longaniza.



  A dignidade en ti, antro que indigna,
lixo que desterrou toda brancura,
a páxina salaz e a sinatura
pactadas a compás que contamina.

  A dignidade en ti, que peregrina
e acomete e devora o pan da usura,
recanto natural e sepultura:
a indignidade entoba a túa inquina.

  A dignidade en ti, pura patraña,
é pía compaixón de falsa entraña;
as razóns de roubar de quen cobiza...

  Fan de funil, por lei, dunha alcabala;
na báscula, Mercurio pesa e cala:
promove indignidade na inxustiza.


  "A dignidade" é pau con longaniza.


(Rioderradeiro)