quarta-feira, 23 de fevereiro de 2011

Acosa o sol xogando esta partida.



  Acosa o sol, pon linda a cara triste
e demuda a tristura en algazara.
Acaso a man do sol ben recadara
na caricia que prende en quen resiste.


  Acosa o sol, no resplandor consiste
revelar luz que o divino inventara.
Acaso a luz do sol simbolizara
a inmanencia de Deus en canto existe.


  De ocaso o sol, acaso  deita acedo,
acochado no mar, pernocta ledo,
dá a batalla carnal dun deicida,


  Persegue a salvación pola amencida
e, volto a se encimar, a porte inquedo:
Acosa o sol xogando esta partida.

(Rioderradeiro)


segunda-feira, 21 de fevereiro de 2011

"A dignidade" é pau con longaniza.



  A dignidade en ti, antro que indigna,
lixo que desterrou toda brancura,
a páxina salaz e a sinatura
pactadas a compás que contamina.

  A dignidade en ti, que peregrina
e acomete e devora o pan da usura,
recanto natural e sepultura:
a indignidade entoba a túa inquina.

  A dignidade en ti, pura patraña,
é pía compaixón de falsa entraña;
as razóns de roubar de quen cobiza...

  Fan de funil, por lei, dunha alcabala;
na báscula, Mercurio pesa e cala:
promove indignidade na inxustiza.


  "A dignidade" é pau con longaniza.


(Rioderradeiro)






sábado, 19 de fevereiro de 2011

Endereitar as frechas de Cupido.

Ha de acadar no pan nova amencida,
Debe arrincar o gran da sementeira,
Ha de encadrar na malla á muiñeira,
Desenfadar a fada confundida.

Ha de afogar de sede á fame espida,
Debe alagar de brillo esa roseira,
Ha de arroupar de armiño a cabeleira,
Recompensar a man empobrecida.

Corazón de cartón, cabalo ergueito,
Por misterioso azar tan mal prendido,
Sustancia do inmortal incomprendido,

Galopa a discreción polo teu peito;
Alcanza, corazón, forza o dereito
De endereitar as frechas de Cupido.

(Rioderradeiro)

Archivo:Allori Venus Cupido.jpg

quinta-feira, 17 de fevereiro de 2011

Polas sombras do ser, coma unha araña


  
  Queres poñer o mar a bon cuberto,
recollelo en canal pola xanela,
deixalo repousar, pór centinela,
furtarlle o aldabrón ao mar incerto.

  Queres coller do pulso o mar aberto,
cinguilo de adival pola cintura;
na lareira, veleiro en grande altura,
soña a derrota o navegante experto.

  Estranxeiro de ti, quen te interroga?;
encrequenado en ti, quen te acompaña?;
escravizado a ti, quen te encadea?

  Ha responder na vaga o remo en voga
polas sombras do ser, coma unha araña
na arañeira do mar, na túa tea.


(Rioderradeiro)




quarta-feira, 16 de fevereiro de 2011

No reiseñor, na rosa..., no regueiro.



  Sementa Deus a graza que te ampara:
no corazón de Deus reina a empatía.
Na coraza pon Deus cabalería:
regala Deus contino ardor sen tara.

  Sabe, por vello, Deus... Quen apreixara
a sapiencia de Deus, sabiduría!
A cordura de Deus... Por cortesía,
ponlle ao mal tempo Deus moi boa cara!

  Se nos falase Deus directamente,
humanizando a voz coma voceiro,
sería o ton de Deus máis verdadeiro

  Cá palabra de Deus, tan convincente,
no corazón da flor? Sinceramente...
Silencio!, fala Deus, de corpo enteiro,

  No reiseñor, na rosa..., no regueiro.


(Rioderradeiro)