quarta-feira, 15 de dezembro de 2010

Enfunda o seu fulgor, funde a fiereza.

Prende na luz, remansa en man resesa
A saiva requentada esparexida;
Presto represa na presa da ferida
Furúnculo en furor de flama acesa.

Furúnculo en furor na chaga impresa,
Combate en expasión a espada espida
En reparar paixón pronta á partida;
Apreta, percherón, pola devesa...

Na cerrazón encaixa con certeza,
O garañón aproba de cabeza
Os cargos dun haber e dun debido;

Sagrario de solpor, sopro ferido
Enfaixado en refaixo de fiereza,
Tránsfuga fanfarrón enfebrecido,

Enfunda o seu fulgor, funde a febleza.

 (Rioderradeiro)

segunda-feira, 6 de dezembro de 2010

Apura a dentellada en tona breve

Archivo:Mosaico Trabajos Hércules (M.A.N. Madrid) 12.jpg
(Wikipedia)


Canto abrasa o calor da pel no estío,
Cinguido así, tan abraiado queda,
O tempo do rodicio tanto inqueda,
Como presa caudal do mar no río.

Canto abrazo cordial de fogo en frío,
Imantado tal vez pola moeda;
Porque o doblón é duro en almoeda
Na fiestra que á forza fai de fío.

Bórrame alguén o tempo máis bravío
Da febre do verán que abranda a neve;
Abrolla de costado ao meu navío

A fera intemporal que é can certeiro;
Afonda a dentellada en tona breve
Por me arrincar o ben máis verdadeiro.

(Rioderradeiro)


(Wikipedia)

terça-feira, 30 de novembro de 2010

Deprenderás,¡Sol-Ra!, sexoloxía.



(wikipedia)



Podes, ¡Sol!, renegar das propias luces
E pernoctar no fondo do mar cego,
Romper amarras, revirar sartego,
Navegar sen compás cando debruces…

Descomunal no amor cando seduces
Coa forza estelar do teu apego,
Se acarrexas na luz ese alter ergo,
Espírito carnal que reproduces…

Podes resucitar mitoloxía
En barca ou carro, e con cabalería.
Podes, ¡Ra!, derramar o lucimento

E confrontar de proa o pensamento
Do faro fraternal que fai vixía.
Pódeslle pescudar o sexo ao vento:

Mariñeiro de altura e de badía,
Has deprender,¡Ra-Sol!, sexoloxía,


(Rioderradeiro)



Archivo:Solvogn.jpg

(wikipedia)

domingo, 28 de novembro de 2010

Pola bocana, o tempo que é tormenta.

(foto: Benirroxo)



Acocha o Mar Maior no niño ao Vento,
Aprende Eolo un descansar calmado,
Adoza o fol no peito do instrumento
No leito de Neptuno sepultado.

Recolle o Vento o sopro a barlovento,
E mantén o timón asoballado;
Se lle rompe a Neptuno o seu alento,
Resolla esoutro ardor desaliñado.

Na pel do mar, dunha torva estocada,
Eolo afía, afina, afinca a espada
Nas carnes de Neptuno sementada.

A tombos, malferido, vén doente,
Ataca e contrataca e atormenta;
Descabalga en valgada, impertinente,

Pola bocana o tempo que é tormenta.

(Rioderradeiro)


Archivo:Neptuno riobamba.JPG

quinta-feira, 25 de novembro de 2010

Non lle confrontes máis ao tempo o norte

  
  Non lle confrontes máis ao tempo o norte,
se ás costas has cargar morte envaiñada
de desvivir a vida avariada
con cargo a costas de encostado porte.


  A prazos dun caudal que te soporte,
abeberas vivir breve xornada;
asasinas, decote, a vida alzada
da man do teu puñal da mala sorte.


  O tempo, fiador no fiadeiro,
arrola, sempre igual, berce en gaiola;
Deus Crono, que avalía a desmemoria,


  Malandro medoñento e xusticieiro,
arrasa a sangue e fogo o tren da noria,
a vida e morte, e a traizón…, o traizoeiro.


  Non lle confrontes máis a Crono o norte
da man do teu puñal da mala sorte,
o brazo secular máis mentireiro.


(Rioderradeiro)