quinta-feira, 30 de setembro de 2010

Non queimes, corazón, no lume alzado.



Abrir rocha e portal por ese abrigo,
Abrollar candeal lumeiro inzado,
Embriagar de augamel…, sacrificado
Fornecer na ferida a flor do trigo.

Semente de recendo o fogo amigo,
Ceifa de salvación do sementado,
Morte en resurección do acrisolado
Funil do corazón polo poxigo.

Testigo vai e vén polo entramado
A empurrar e a pulir o canto aceso.
Non cometas, razón, malaventuras;

Non cegues, manancial, luz do universo
Coa aldraba do honor sacramentado;
Con meigallos de lei, por decontado,

Contradiccións de amor non as depuras
Na linguaxe en sazón das imposturas:
Non queimes, corazón, no lume alzado.

(Rioderradeiro) 


terça-feira, 21 de setembro de 2010

Discurría ben cos pés.


Quen, de reollo, ti ves
de floreiro nun garaxe,
polos rueiros de Taxes,
discurría ben cos pés.

(Rioderradeiro)

sábado, 18 de setembro de 2010

Comprace o corazón do mar de fóra.


  A luz que esgaza a treu polos coídos,
a sarta de arneirón que engarza a pedra,
pontifical tiara que embebeda
refachos de ilusión polos sentidos.

  Refachos de candor embranquecidos,
ese lagarto arnal polas devesas,
sarampelo ancestral das mil cabezas,
retablo de toxais ennobrecidos.  

  A luz maior, revolución da vela,
navega nun corcel pola marola,
adiviña o pincel a lei do día,

  Dá palabra de honor á primavera,
nos retallos do sol sacia a ardentía,
comprace o corazón do mar de fóra.

(Rioderradeiro)

domingo, 12 de setembro de 2010

Non te podo apelar nese apelido



  De canto ben se me outorgou, badía,
son quen de che ofrendar ata o alento;
non debo denudar o pensamento
por non cobreguear como unha anguía.

  Son quen de dar dobrada esa medida
de canto ben precise o teu contento;
por non lle despertar mal xenio ao vento,
non o debo abrazar pola ferida.

  Non te podo prender polo meu fío,
se a mala fe profesa paranoia,
se a ti, RÍA DE MUROS, din de NOIA

  -recanto marxinal para navío-;
non te podo apelar nese apelido,
por non caber “O Traba” na tremoia...

  dun mareante á carta, confundido.

(Rioderradeiro)

segunda-feira, 6 de setembro de 2010

en cada flor os pétalos regalan




Costa tanto tornar polos teus brazos
Que o sangue conxelou na indiferencia;
Se en fría carne non arraiga a esencia,
Imposible volver polos abrazos.

Costa tanto quentar os vellos azos;
Das cinzas consumadas na fogueira
Endexamais xermola sementeira;
¡Como resucitar no teu regazo!

Pois pura dor é pura fantasía,
Pois puro amor é fráxil flor dun día,
A dor, a dor só co querer se apaga.

En cada flor os pétalos regalan
A libación dunha contrapartida:
Sempre o amor con máis amor se ampara.

(Rioderradeiro)