domingo, 4 de julho de 2010

Como apagar a dor co meu vacío.



  Cando, mencer, despertas da torcida;
cando, mañá, ben ardorosa avanzas; 
cando, tarde (e serán), adiviñanzas;
cando, enloitada noite, adormecida...

  Inquisidor, fustigador, felino;
mentor mordaz dunha mala xornada;
león  feroz de vengativa espada;
devastador cruel, vil asasino...

  Pois a razón despreza o meu desvío,
como afrontar consonte contrapunto
de me roubares cachos decotío?

  Pois, a traizón, has levarme contigo,
non me pregustes por que me pregunto
como hei pagar a dor con tal castigo.

              (Rioderradeiro)

sábado, 3 de julho de 2010

Nunha caixa de serrín.



  Sendo o sentir e o pensar
as dúas pezas do traxe
porfía do meu tear,
por que hei mandalas calar?,
por que hei dirimir liñaxe
e amistalos no existir,
se perseguen abordaxe
do meu corpo..., a compulsar?
Como hei pensar co sentir?
Como hei sentir co pensar?

  Sendo o pensar e o sentir
embaixadas de incerteza,
en que cabilas, cabeza?,
por que disfrazar tristeza
coa mordaza do vivir
nunha caixa..., a consumir?

(Rioderradeiro)

terça-feira, 29 de junho de 2010

...para aportar contigo a toda vela.




  Non cabe na paixón o verso alado
nin cabe na palabra a voz do día;
non cabe na razón a luz amiga
nin cabe no rizón o vento arpado.

  Non cabe nun saber tanto calado
nin cabe nun sabor tanta ardentía;
non cabe nun solpor tanta fatiga
nin cabe nun sudor tal desenfado.


  Dispara o mar mil dardos sen cautela;
o discorrer do tempo non perdoa:
a vaga leva e trae a mesma area…

  Pois navegar é gozo e mais cadea,
quero desafiar a onda á proa
para aportar contigo a toda vela.


     (Rioderradeiro)



Implanta amores no río



  Implanta amores no río
a filla de Xan Vicente,
ela, tan doce e decente,
leva a puntada consigo,
sementa na canle o trigo,
afinca na entraña o dente,
non repara na corrente,
tira de faixa e de fío,
engaiola ao señorío…


  Á vista de toda a xente,
a filla de Xan Vicente
implanta amores no río. 
    

       (Rioderradeiro)



_

segunda-feira, 28 de junho de 2010

... e pasa a conta ao seguro.




Memoria dun luscofusco,
Era segrel de secaño;
Dun arco de medio punto,
Apreixouno o calendario
Nas follas do prontuario.

Apredeu dun arte culto
A monodiar “canto llano”;
Co celo dun arcediano,
Tiroulle ao salterio o gusto
De afacerse ao gregoriano.

Esmolas para o bandullo,
Con degoiro de goliardo,
Para recadar peculio,
Latricaba un espartano
Beberaxe de esconxuros.

-Recanto do medio duro-
Traza o crego  un signo mago,
Tremelique o ente escuro,
Peche a boca o mal falado,
Purifica o corpo impuro.

O diaño, por teimudo,
Paga o latín ao contado,
Fai mudanza de prestado…
E pasa a conta ao seguro.

(Rioderradeiro)