quarta-feira, 5 de novembro de 2008

¡Toma castañas!




¡Toma castañas!
(As castañas á fartanza nunca se deben comer)
__________________


Castiñeiro da ribeira,
Castiñeiro ribeireño,
Matas coas túas castañas
A moita fame que eu teño.

Hoxe fartei de castañas,
¡Moitas castañas comín!;
Sinto ourizos nas entrañas,
¡Vaia lume que prendín!

Desde a Bouza ata Castrelos,
Do Lagares á Florida,
Unha ringleira de nenos
Bótase as mans á barriga.

No colexio Balaídos,
Hoxe toca deprender
Que as castañas á fartanza
Nunca se deben comer.

Castiñeiro da ribeira,
Castiñeiro ribeireño,
Matas coas túas castañas
A moita fame que eu teño.

Castiñeiro da ribeira,
¡Moitas castañas comín!
Sinto un souto nas entrañas,
¡Vaia fogo que prendín!

(Para a miña neta Denise)

CARTA PARA NINGUÉN



________________________________

No desván da memoria,

Gardo a carta secreta,

Sen sobre, sen remesa;

Non quero que a recollan.



Gardada, e ben gardada,

Veleidade imposible;

Para sentirme libre,

Sempre hei tela acochada.


(19-2-06)

________________________________________

CARBALLO-BONSAI




CARBALLO-BONSAI
____________________


Teño un carballo na eira,

Máis que Carballo, bonsai;

Miña nai dime que o regue ;

Eu, que o regue meu irmán.



Meu irmán coida o carballo;

Eu coido de meu irmán;

Miña nai manda en nós todos,

E quen traballa e meu pai.


(Para levar Denise á escola)
Novembro do 2004.
____________________________________

CANTIGA DE MALDICIR: ACEBES O AUTÉNTICO.

__________________
O HOME QUE SEMPRE FOI COA VERDADE POR DIANTE, PERO A MILLEIROS DE QUILÓMETROS DE DISTANCIA, CLARO...____
______________




CANTIGA DE MALDICIR:
Medalla de papel para Acebes

___________________________________________



Inda ben non prende o día,
Xa ca(r)gou a pluma Acebo,
Tinta guai para O Guerreiro,
Patente de Cagarrías.

Pluma, papel e medalla:
Bostear dunha espingarda.


Inda ben o día prende,
Xa Acebo ca(r)gou a pluma,
Tinta guai para O Armadura,
De Cagarrías, patente.

Pluma, papel e medalla:
Bostear dunha espingarda.



Xa ca(r)gou a pluma Acebo,
Inda ben non prende o día,
Tinta guai para O Guerreiro,
Patente de Cagarrías.

Pluma, papel e medalla:
Bostear dunha espingarda.



Xa Acebo ca(r)gou a pluma,
Inda ben o día prende,
Tinta guai para O Armadura,
De Cagarrías, patente.

Pluma, papel e medalla:
Bostear dunha espingarda.



Tinta guai para O Guerreiro,
Patente de Cagarrías,
Inda ben non prende o día,
Xa ca(r)gou a pluma Acebo.

Pluma, papel e medalla:
Bostear dunha espingarda.

Tinta guai para O Armadura,
De Cagarrías, patente,
Inda ben o día prende,
Xa Acebo ca(r)gou a pluma.

Pluma, papel e medalla:
Bostear dunha espingarda.


Patente de Cagarrías,
Tinta guai para O Guerreiro,
Xa ca(r)gou a pluma Acebo,
Inda ben non prende o día.

Pluma, papel e medalla:
Bostear dunha espingarda.


De Cagarrías, patente,
Tinta guai para O Armadura,
Xa Acebo ca(r)gou a pluma,
Inda ben o día prende.

Pluma, papel e medalla:
Bostear dunha espingarda.

¡FATÍDICA PALABRA!

¡FATÍDICA PALABRA!

_________________________


Bórranche dos xenes a imaxe da casa,

Várrenche da mirada o mar, a paisaxe nativa...

Arríncanche de raíz a árbore da vida.

Emprendes, sen ti, a viaxe ó alén,

Perdido no laberinto das escuridades do ignoto.



Non te-lo menor protagonismo;

Porque xa non estás nin es:

Desmemoria do ser...

¡Nunca máis un solpor,

Unha aperta,

Un adeus!

¡Morrer, fatídica palabra!