quarta-feira, 5 de novembro de 2008

A SÚA VIDA

A SÚA VIDA
__________________


Contaba aquela vida,

Co ritmo e rima

Do poema

Do seu dilema.



Cantaba a súa vida,

Coa gracia da comedia,

E o final da traxedia.



Contando aquela vida,

Inventaba a harmonía

Que endexamais sentira.



Cantando a súa vida,

Trocaba a poesía

Dunha tragedia

Nunha mala comedia.

Contaba aquela vida…

E inventaba a harmonía

Naquel poema

Do seu dilema.



¡Sempre a agonía

Da sempieterna

Melancolía!

A SOMBA DUN SUSPIRO.







A SOMBA DUN SUSPIRO.
__________________________



Ando a chamar por ti

Nesta noite,

ensumido.

Creo que ves a min

Voando,

coma un soplo;

Que te esvaes no ar,

E eu no ar

vou contigo...




Os dous imos no soño,

Moi collidos da man,

Conscientes de acadar,

Sen materia,

Fundidos,

O albur dos bos rumbos

Que nos marque o destino...




Volvo a chamar por ti,

Volvo a soñar contigo.

Volvemos a ir no soño,



Mil veces repetido,

Tantas veces igual,

Tantas veces distinto...



E as cousas que me dis

Son cousas de gardar

No saco de olvidar;

Porque o soño é olvido.



Día e noite, nos soños,

Sempre, sempre onda ti;

Que eu quero estar contigo...



Mais logo, ó despertar,

Só consigo esbozar

A sombra dun suspiro.

A CANCIÓN DO XUBILADO














(NAS FOLLAS DO CALENDARIO).
________________________________


  Ser vello non é pecado.
É pecado envellecer
non sendo quen de aprender
cando un sorriso, ao teu lado,
nas redes do seu engado,
cativou o teu querer:

  -A nenez do xubilado.



  Non é pecado ser vello
nin é tampouco doado;
pois nun instante sagrado,
que non reflicte o espello,
o corazón namorado
esconde o maior segredo:

  -A nenez do xubilado.



  Ser vello non é pecado,
e ata poida que, ao revés,
vivir por segunda vez
a vida coma regalo
sexa pracer reservado,
culminación na vellez:

  -A nenez do xubilado.



  Non é pecado ser vello.
E poderei demostralo,
entre bocado e bocado,
coas benzóns do ribeiro,
santificador probado
optimista e argalleiro:

  -A nenez do xubilado.



  Badaladas a soar,
ergo, xa mediado o día,
exemplo de gallardía:
lidar, lidar e lidar
nas artes do vaguear,
sempre a mente panza arriba,
para volver a empezar,
se mediase a valentía
de non me querer deixar
no nirvana que me aniña:
comer, dormir, pasear,
na miña casa estorbar
desde o salón á cociña,
e, ao son dunha musiquiña,
os acenos de a bailar
a correr con maestría
pola miña fantasía
de bailador contumaz,
argadelo en rebeldía
que se vén de xubilar…
do vicio de traballar,
non da vida:

  -A nenez do xubilado,
revivir no recordado
as follas do calendario.


(Rioderradeiro)


¿XUVENTUDE?

(Na busca dun título)

¿XUVENTUDE?
___________________


Unha bágoa no cume,

A esperanza no mar...



¡A esperanza..!

¡O cume!

¡O mar..!



Ollos pechos na néboa,

Bágoa de saudade,

Xuventude,

Atallo no tempo...



Atallo,

Tempo,

Saudade,

¡N éboa..!





A esperanza afogada no mar.



(Anos 90)

terça-feira, 4 de novembro de 2008

IN MEMORIAM de MONCHO DO POLO.




  ( Ao abeiro do fondo musical, ilustración e imaxe da súa dona, texto de MUJER DE BLANCO SOBRE FONDO AZUL, magnífico poema do finado Ramón Rey García, MONCHO DO POLO, meu entrañable conveciño, amigo e confidente do primeiro tramo da vida )




  Arestora do maio esmorecente

Ti, Moncho, REY, capitán liberado

do fardo e ligaduras do humano existir,

Ti, paladín de eternas fermosuras,

na nao tan traballosamente construída

nas ribeiras da vida,

andas a navegar, xa avezado e lixeiro,

polos mares infindos do bonancible alén,

ouro en pano, gardada a garimosa aperta

para a nosa acollida.



  Mais non conforta sabelo:

precisamos sentilo.




  Senlleiro timoneiro, coas velas infladas,

cando alcances as rías,

amosa, debuxa nun aceno,

aquel signo de paz, heraldo da beleza…

E tamén, paz, a nós, teus dilectos amigos,

orfos desventurados desde a brusca partida.



  Mais non conforta sabelo:

precisamos sentilo.


  

  Redobren, marciais, solemnes,

os sons do bombo e da gaita 

da Galiza inmorrente.

Resoen, unha vez máis, na memoria

e na honra de quen sementou,

a mans cheas, a fartura poética do amor

e da amizade que te fixo grande para sempre.



  Mais non conforta sabelo:

precisamos sentilo.




  Que o poeta e o home de ben,

que sempre fuches,

derrame nos nosos corazóns o agasallo

do teu retranqueiro sorriso.



  Mais non conforta sabelo:

precisamos sentilo.



  Moncho do Polo, meu Rei, meu Capitán,
meu confidente,
meu máis dilecto Amigo…



  (Rioderradeiro, en Vigo, a 29/05/07)