terça-feira, 4 de novembro de 2008

APREIXAR O INSTANTE







Apreixar o instante...


Acenderlle unha vela


Ó santo da memoria,


Pois a memoria é cega...


Apreixar o instante...


Cinguilo coa cadea


Da luz que resucita


O pasado das tebras.


Apreixar o instante...


Dicir hoxe sen pena,


Porque o mañán e o onte


Coman na mesma mesa.


Apreixar o instante...


Ficar ledo ou a espreita:


O corazón decida


O que mellor conveña…


Que o corazón decida


Cando prenderlle a vela


Ó santo da memoria,


Apreixar o instante,


Cinguilo coa cadea


Da luz que resucita


O pasado das tebras;


Pois a memoria é cega...


¡Que o corazón decida


Se hai que apagar a vela..!

(Rioderradeiro)

___________

A TÚA VOZ






A TÚA VOZ
______________



Recalo no teu peito

Coma barco que volta á ría;

Nas augas mansas dos teus beizos

Escoito a voz amiga.

Son un navío magoado

Do navegar da vida;

Se hoxe arribo ó teu porto,

Acólleme no colo

Desa túa sonrisa…

Pon nesa túa voz

As voces miñas:

-¡Perdón!¡,

¡Corazón!,

¡Amor!

CARTA PARA NINGUÉN

CARTA PARA NINGUÉN
___________________


No desván da memoria,

Gardo a carta secreta,

Sen sobre, sen remesa;

Non quero que a recollan.

Gardada, e ben gardada,

Veleidade imposible;

Para sentirme libre,

Sempre hei tela acochada.

EMANUEL.




EMANUEL.
============

Polo ronsel da estrela
baixa o Neno-Emanuel.
Quédase Deus connosco,
¡nace en Belén!


Por nai toma a María,
por pai toma a Xosé.
Arrólano no beerce,
¡Neno-Iavé!


Meu meniño, non chores,
durme, meu caravel,
que os anxos te adormezan,
¡Flor de Israel..!


A flor da humanidade,
a flor da nosa fe,
brota recén nacida,
¡nace en Belén!

..................

Quédase Deus connosco,
¡nace en Belén!


Arrólano no berce,
¡Neno-Iavé!


Brota recén nacida,
¡nace en Belén!

CHAMARASE XESÚS



CHAMARASE XESÚS
____________________


Xosé coida do Neno,
María lava,
O boi e máila mula
Quéntanlle as pallas.

Cando os pastores cheguen
Cos agasallos,
Hanlle canta-los anxos
Pra despertalo.

Ó desperta-lo Neno,
Faise un silencio:
Caen axeonllados
Ante o misterio.

-Este Meniño noso,
Tan cativiño,
Chamarase Xesús,
Deus redivivo.