(La Gran Epoca) Enriba do portal cantan arcanxos para que o Neno durma ao son do canto. O Neno Xesús chora, segue chorando por redimir aos homes dos seus pecados. O boi e maila mula xa están labrando, ao repuntar o día tralo valado. Tralo arado marcha un pastorciño cunha ovella no colo e o seu canciño. Por Xosé, por María, van preguntando os tres Magos de Oriente cos agasallos. Esa man invisible que arrola ao Neno eche a man do custodio que veu do ceo.
Tres anxos andan de ronda, tres anxos seguen na vela; tres anxos cantan a trío, tres anxos van pola estrela...
Tralo solpor, a prendela!
-Aleluia, aleluia!, naceu o Neno; que veñan os pastores para quecelo.
(**)
Para quecer o Neno xa están chegando os pastorciños todos cos seus rebaños. -Aleluia, aleluia!, cos seus rebaños, e os tres Reis nos camelos cos agasallos. Cos agasallos: con ouro, incenso e mirra por regalarllos. -Aleluia, aleluia! por regalarllos ao Deus recén nacido, por vir El visitalos.
(***)
-Aleluia, aleluia!, naceu o Neno; que veñan os pastores para quecelo.
Ese cantar dos anxos tén aires de alborada. Polas portas da noite, Madre…, ao son da pandeirada, unha cantiga nova que eu de sempre arelaba, Madre…, e ese sabor eterno a Deus repenicaba. Xa os magos e os pastores, Madre…, chegan nunha alancada, cangados cos presentes que a gaita pregoara. Madre…, que o boi e a mula canten!, que empece a foliada!, que reine a paz no mundo! Madre…, todos a celebrala, Madre! (Rioderradeiro)
Abre os olliños, Neno: axiña, os Magos chegan, xinetes nos camelos, -ouro, mirra e incenso- polo ronsel da estrela… Luceiro, que revela, abre o portal; arcanxos a capela cantan a cantarela: -FELIZ NADAL!