terça-feira, 4 de novembro de 2008

A MIÑA ROSA.



(Foto de Reyes Benoit)


  Hai rosas de silabario
nas camposas e silveiras;
hainas de moitas maneiras,
sen dono, sen usuario...

  Hainas de xardín, á beira
de arrogante faldriqueira;
hainas de papel pintado,
estampadas nun murado;
hainas, profesando angueira,
a carón dunha cadeira,
embigo de relicario,
en aras dun ventre oufano.


  Pero a rosa que máis amo,
a que a min máis me desvela,
ten de rosa verdadeira
que non se compra ao contado,
que non renuncia á roseira,
que te apreixa e te embebeda,
feiticeira, co seu halo;
primor de espiña..., o regalo.


   (Rioderradeiro)


(Foto de Reyes Benoit)

AMOR IMPOSIBLE

AMOR IMPOSIBLE
__________________


Os soños, o Fungarelo,
Sempre a tecelos,
¡Sempre a tecelos!


Polo val, pola ribeira,
Vai Fungarela;
Os soños de Fungarelo
Foxen con ela.

¡Ai, Fungarela!
¡Ai, Fungarelo!


Os soños, ¡volta a tecelos
Con mil novelos!

NO TOBOGÁN DA MORTE

NO TOBOGÁN DA MORTE
_______________________



Vou con paso apurado;
O tempo empuxa forte.
Non son quen de frealo
No tobogán da morte.

No corredor da morte
Non son quen de frealo.
O tempo empuxa forte;
Vou con paso apurado.


Vou con paso apurado;
Non son quen de frealo.
O tempo empuxa forte
No tribunal da morte.


Non son quen de paralo;
Vou con paso apurado...
¡Vou con paso apurado
No tobogán da morte..!


¡O tempo empuxa forte!;
¡Non son quen de frealo..!

¡No corredor da morte
o tempo empuxa forte!

MAREA NEGRA




Pedra de Espiño ten lenda

e o Neixón debe aprendela.


Dicta o Carreiro o poema


onde acubillan as penas...



Da Insua á Escorachela,


¡cantarela..!,


¡cantarela..!



Por toda a Costa da Morte,


do “Prestige”,


¡chapapote..!,


¡chapapote..!



AQUEL NENO




  O vento lene

lévame pola braña.

Son aquel neno ceibe

que me acompaña.



  Meniño, vou no soño

xogando á guerra;

xa matei tres lagartos

e unha culebra.


  No fondo da memoria

a braña é meiga;

o meigallo relouca

por toda ela.




  Cando veñan os indios

coas espingardas,

loita a morte!, a por eles!,

como Deus manda.


  Son aquel neno ceibe;

vou pola braña;

xogo á guerra no soño...

A batalla hei gañala..!


  (Rioderradeiro)