terça-feira, 4 de novembro de 2008

POBRE GAMELA!

























  A gamela do cura
xa non ten vela,
que lla lambeu a criada
para vendela.

  Abade sen terapia...,
pobre gamela!



  No mallante da costa...,
dá pena vela;
quen a deixe ao seu pairo
pode perdela.

  Gamela no mallante...,
pobre gamela!



  Pillabán crego ceibo,
desvergoñado,
prófugo da pobreza,
ou dun arado.

  Crego desvencellado...,
pobre gamela!


  (Rioderradeiro)



FLOR DO VENTO

FLOR DO VENTO

_________________



Arrincoulle un sorriso

Á flor do vento

Para que xermolase

No pensamento


Namorado da rosa,

Apreixado na espiña;

Aloumiño nos ollos,

Alma ferida.


¡Ouh,amor escondido!

¡Ouh,amor delatado!

¿Onde está o misterio?

¡Onde espreita o pecado?

SOLPOR







SOLPOR
________________


Coma un paseo longo pola beira

E alá, ó lonxe, o solpor...


As pegadas dos pasos sobre a area

Veñen na procesión

A derrama-la mensaxe que serpea

Tralo home que eu son.

Penso que o vento ha dicirlle á marea

Que lla encomende ó sol.

DESESPERANZA

DESESPERANZA
________________


¿Quen me roubou a luz

E a sombra que a acompaña,

Ese perfil do ser

Por onde pula a alma?



¿U-los días felices,

Esgazados, da infancia?

¿Que foi da mocidade..?

¡Ouh, fume das nostalxias!

Este corpo en ruinas

Bota en falta a esperanza

.- Só na lembranza.


















PALABRA INMORTAL
(Testamento lapidario para mareantes)




  

  
  Á beira do meu soño,

unha veliña branca


para que me devolva


ao porto da esperanza.



  Por se o soño me leva,


hei gardar as palabras;


que o home é pensamento


e o pensamento, alma.




  Pois nave, vela, e vento,


-áncora..!-, fundamento


de eterno recalar 


-ronsel..!- só na lembranza.




              (Rioderradeiro)