domingo, 6 de outubro de 2013

envolto nunha cortina.



  Fíxose chaga e mais sombra,
e na sombra leva o grito
anestesiado e proscrito
recollido baixo alfombra
onde se esconde un delito.

  Alí latexa contrito,
pula no celme encuberto,
redivivo, en desconcerto,
por mor de atoparse inscrito
a corazón descuberto.

  Esa dor fonda e felina
que anda a procura dun nome
pide ao doente que tome
paciencia de plastilina.

  Ha proseguir coma un home
envolto nunha cortina.

(Rioderradeiro)

quinta-feira, 3 de outubro de 2013

un máis en lista de espera.


(Wikipedia)

  Habita en flagrante esfera,
moi por riba do admisible,
por dereito, irredutible
a vivir coma calquera;

  non maxina tan sequera
un sufrimento insufrible,
imposición de imposible,
por que esperar desespera.

  Ser excepción asevera
fundamento de grandeza
que vai do peito á cabeza,
fumegante estratosfera.

  Se a pel de touro soubera,
quen vería á realeza
-anacronismo esa alteza-
compartir paro que impera,

  sen tanta delicadeza,
probar sabor da pobreza
do cidadán sen carteira,
copago e lista de espera.


   (Rioderradeiro)



segunda-feira, 30 de setembro de 2013

Balas de escaso calibre.

Resultado de imaxes para poema de los besos

  Que graza teñen os bicos
que Salva prodiga tanto?
A quen lle consagra encanto
dispensador dos máis ricos?

  En bicos evanescentes
dilapida patrimonio?
Parece que San Antonio
recarga en gastos correntes
acenos concupiscentes
con pastillas de plutonio.

  Reboza beixo en almibre,
condimenta ese alimento,
romanceando argumento
perfumado de xenxibre.

  Borda o bardo verso libre,
e un loureán criticando,
en consoante encaixando
balas de escaso calibre.


(Rioderradeiro)
Resultado de imaxes para poema de los besos


domingo, 29 de setembro de 2013

mil bagatelas do mar.

 
  Vinde ver en panorama,
desde Marcote  a Lagar,
un submarino alancar
por Rebordiño en pixama.

  Víndeo ver, ben reclama
e merece unha postal,
en MUROS,  nun soportal
e na casa aos pés da cama.

  Víndeo ver parolar
o periscopio da almea
co Muíño da Marea,
coa Virxe, coa Acea,
coa Cerca...., cos do bar!

  Víndeo ver divulgar
o seu saber de balea,
o seu sentir de serea,
mil bengalas sobre area,
semente de divagar.

 Semente de divagar, 
unha cana de pescar,
no peirao, é panacea.

(Rioderradeiro)


8- cosme garcia.jpg

sábado, 28 de setembro de 2013

pola zafoña, é maestro.

  
  Eles todo llo adxudican
ao seu valioso traballo,
ao seu desvelo a destallo,
aos seus saberes a esgallo;
e ao narcismo se aplican
e nunca se prexudican;
mans de ladróns que latrican
levan consigo un atallo,
e a quen se opoña replican
con rigoroso espantallo:

  - Para rebelde hai vergallo;
por  escarmento aplicamos
lei de talión de agasallo:
o seu corpo fusilamos
e o corazón rematamos
con faca que non tén fallo;
defunto, santificamos,
francamente veneramos,
como nos pete o carallo,
asasino en sopostallo.

  Capitalismo ambidextro,
o seu Caín por ancestro,
do criminal non se esquece;
zugando sangue florece,
nese afán de poder crece
con sixilo e por secuestro,
de consumado cabestro,
que nin sinte nin padece
nin por remorso esmorece,
pola zafoña, é maestro.

(Rioderradeiro)