segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

Denego porque estou cego.














   Anque, para o caso, vivo, 

coma imputado, en prisión, 
acaudillo represión 
sobre rival redivivo. 

  Anque ese adival activo, 
presidiario abusador, 
cultivo en cárcere a dor 
da espada libando olivo. 

  Acaso porque me entrego 
á fuga de encadearme, 
rebelde escravo, a ligarme 
ao meu propio desapego..., 

  Non me empeño en denudarme 
nin tampouco en disfrazarme;
desdeño porque denego,
denego porque estou cego,

  Cego de autoanalizarme...

no alter ego. 


(Rioderradeiro)


sexta-feira, 3 de fevereiro de 2012

Egocéntrico en perigo...


Verdadeiro mentirán,
resolutivo inseguro,
son claro sombrizo escuro,
traballador lacazán...

E son tantos seres nun,
no subconsciente son tantos,
tantos son os meus recantos,
sen que me encadre en ningún...

No retablo dun altar,
para moderno algo antigo,
porto portal con postigo:

Véxome, á vez, reformar
en santo desaforado
e de demo disfrazado...

Contrito a me reforzar,
son desa estirpe a fartar,
cun periscopio no embigo...,

Egocéntrico en perigo,
con pretensión de pensar
que non debato comigo.



(Rioderradeiro)




quarta-feira, 1 de fevereiro de 2012

É, no vivir, arder constantemente.


  Ai, corazón!, monarca en montesío, 
proclive a se abrasar para saciarse; 
ai, corazón!, sedento ao desbordarse, 
beba do teu querer máis manantío. 

  Estás en min coma forno na casa, 
estou por ti coma o caudal no río, 
estás por min labrando en largacío,   
estou en ti rebelde sen ter causa. 

  Estás de cote en min, a cada hora; 
estou doente en ti, porque me altero 
cando me queima o sol da túa aurora. 

  Cándido albor!, mima o meu mal crecente; 
pensar en ti prodiga desespero; 
é, no vivir, arder constantemente:

  É lapa, é combustible, é comburente.



             (Rioderradeiro) 


domingo, 29 de janeiro de 2012

Sen plumas, vive estafado.




Vivía ao grande, algareiro
(nunca un galo é ben casado),
A muller, por telo atado,
Aos pés da cama, faldreiro,
Desplumouno dun plumeiro,
Coma rapsoda, ao tellado,
Fixo del can de palleiro
Ladrador, por descontado,
Obediente e baralleiro,
Pechada a noite, porteiro,
Gabando abrente, abraiado,
Da galiña abandeirado...




Belcantista vinculeiro,
O "castrato" regueifeiro,
Compositor recargado,
Competidor de poleiro,
Galgo galo churrusqueiro,
Con vento en vela embalado,
Expande adaxio adornado
De andantino encadeado,
A ollos de bon cubeiro,
Vibrato en ovo incubado, 
Sen xema, polo pelado
Quiquiriquí mariqueiro...





Quero deixalo estofado
No epitafio sobranceiro:
"Vivía inflado solteiro;
Sen plumas, vive estafado."

(Rioderradeiro)



(Wikipedia)

terça-feira, 24 de janeiro de 2012

Vento en vela, a babor, na flama urxente...


Este corpo mortal colma delito 
Que ha purgar a tobeira ao envaiñalo;
Na fervura da pel, por abrasalo, 
Man de demo derrama o manuscrito. 

Man de santo demanda do infinito 
A sustancia do ser para asentalo; 
Enfatiza na fe, rende regalo, 
Pon na gloria o gozar canto está escrito. 

Este corpo en pecado permanente, 
Eis o cego delirio adolescente,
Este cardo na carne escarnecida, 


Eis o desgairo en graza perseguida,
Este xogar ao chou tan de repente, 
Eis a sorte cortada e repartida...,

Cando a présa da morte é percutida
Na braveza da pel, purga insolente,
Vento en vela, a babor, na flama urxente...

(Rioderradeiro)