quinta-feira, 12 de julho de 2012

Retés ás tres na retina.


  
  Que presteza!, fóra estrés,
día a día, mes a mes,
tantos anos anduriñas,
cos seus rebaños as tres,
por carreiros, carabinas.

  Gaveo, ao gato montés,
cando o Calvario adiviñan,
elas a un tempo camiñan, 
mortificados os pés,
matando fame canina.

  Estampa de evocación,
estas mulleres quen son?
-Pois ovelleiras, xa as ves;
ata a memoria as nomina:
María, Xoana, Celina…

  Conmóveste, corazón:
pastoras..!, que palmarés..!

  Retés ás tres na retina.

       (Rioderradeiro)




quarta-feira, 11 de julho de 2012

A semente que ha ser reproducida.



  Este tren do latir trae retraso

ou adianto, se tés conta do alento,

delirante inxestión de sentimento

que alimenta en tristeza o teu repaso.

 

  As présas, ti xa ves, retendo ocaso,

loitas, tripas, contés, cortas o vento,

despeitado, a través do descontento,

convirtes, co revés, triunfo en fracaso.

 

  Badaladas de Crono socavando,

este rella na pel xa vén labrando

unha fenda profusa, empedernida.

 

  Cada rego trazado é máis partida

que se debe restar daquel sumando

da colleita cabal, seleccionando...


     A semente que ha ser reproducida.


  


         (Rioderradeiro)


                                                  Cabaceira de XOANAdoROUCO.

segunda-feira, 9 de julho de 2012

Mentres choramos por ela…



  Gaitiñas, que tempos, ai..!

Sen vivila e sen bebela,

a vida que se nos vai

mentres choramos por ela…



                  (Rioderradeiro)


domingo, 8 de julho de 2012

Baleiro de canto eu quero.

  En canto os versos ven cimas,

talvez Parnaso entreabras,

poeta que descalabras,

anque perpetres con rimas.

 

  As estrofas, cando as labras,

dasaforadas que van,

de feito, xa se desfán,

defuntas, vacuas palabras.

 

  No obradoiro creativo,

apurando o desespero,

aproveitas con esmero…

 

  O teu pincel compulsivo,

pintas soneto cativo

baleiro de canto eu quero.


                       (Rioderradeiro)




quinta-feira, 5 de julho de 2012

Firmado o teu documento.

Fotothek df tg 0000310 Bergbau ^ Bergwerk ^ Rute ^ Grube ^ Rutengänger.jpg
(Wikipedia)
Colibri coruscans.jpg
(Wikipedia)

  Con vimbio de zahorí
non se te abrandan as (m)iras
nin te recortan en tiras
as voltas do berbiquí.

  Ninguén suspira por ti 
os aires que ti respiras,
tampouco contan mentiras
os bicos do colibrí.

  Tódolos pasos medidos,
todo en cabal fundamento,
o camarón e o pemento
pola paella admitidos.

  Veña purgante en doctrina
remediar estreñimento
e deixe a flor na letrina
firmado o teu documento.

                  (Rioderradeiro)




(Wikipedia)