quinta-feira, 22 de maio de 2014

Por debater palabra contra muro.


  Vou metido entre dous interrogantes,
ás apalpadas, polo laberinto;
comigo vés por retorto recinto,
competindo imos dous vociferantes.

  Maldicindo de nós, de contrincantes,
do divino e do humano discutindo;
estamos sós, gritando e repetindo,
monologando á vez, recalcitrantes.

  Sendo Caín Abel, e viceversa,
a cara e maila cruz dunha moeda,
serei talvez a verba que leveda
dentro do nó da gorxa, a máis adversa.

  O laberinto, testalán, é duro,
por debater palabra contra muro.

                                         (Rioderradeiro)

terça-feira, 20 de maio de 2014

Cabe dilucidar causa perdida?

  
  Sucede o sucedido; non esqueces:
atrápate tormento introspectivo
e destapa do fondo dun arquivo
inconfesables traumas que padeces.

  Non te asañes contigo se estremeces
canto acochado tés para non velo;
desliga ese adival de garamelo
asfixiante e perverso tantas veces.
  
  A cada paso do periplo asiste,
de atalaia e fiscal desde a partida,
vingativo censor de alma homicida
que te xulga e condea a vivir triste.

  Vinculante papel? ¿Quen se resiste,
recalcitrante, a ver outra saída?

  Cabe dilucidar causa perdida?
O tempo de mal tempo se reviste.

      (Rioderradeiro)

sábado, 17 de maio de 2014

Entre os sepultureiros do galego.

BIOGRAFÍAS CORTAS ® Rosalía de Castro : Poeta y novelista

  
  Atinas con palabras exquisitas,
consegues relucir coma unha estrela;
quen puider alcanzar a túa estela,
Rosalía, con verbas tan ben ditas.

  Rosalía, que tempos resucitas
-Follas Novas, meniña de Cantares-,
pensamentos de nai, dos teus pesares
repousados na voz cando os recitas!
  
  Agora, fans de rito e de teatro,
que foran ben hostís e calumniosos,
agora, eses ruíns campan, raposos,
aproveitados lobos, máis de catro.

  Máis de catro lacaios, sen apego,
entre os sepultureiros do galego.


     (Rioderradeiro)




sexta-feira, 16 de maio de 2014

Se a mafia de poder mata por vicio.

paco molina de zamora: Lo cierto de los Santos Inocentes

(Wikipedia)
                      
  Máquina de matar está apostada
á espreita, puntual, naquela esquina,
desnuda, sen pudor, arma asasina
ao servizo de man dura, adestrada.

  Todo a rabia presta en punto de mira
e impresa previamente en cada bala
a razón principal de renovala
en propinco lugar cando lle tira.

  Está o rancor, represa de arrebato,
precipitando a prol do precipicio;
pretenderá aplacar roda, e rodicio,
perpetrando oprobioso asesinato?


  Imposible saber -falta en relato-
se póvora e puñal matan por vicio
ou para publicar o seu retrato.


     (Rioderradeiro)

Martirio de San Juan Bautista -
(Wikipedia)

quinta-feira, 15 de maio de 2014

A alitose de Ambrosio é cancerbeiro.


  
  Sae Ambrosio da sombra cauteloso,
calza sombreiro, alanca presto atallo,
galopa en campo aberto en espantallo
a combater con saña en poderoso.

  Sabe Ambrosio cumprir voluntarioso
na candente batalla sen desmaio;
é soldado de tropa, en plan sipaio,
resistente ao puñal máis pavoroso.

  Ambrosio, vive Deus, como te admiro
e, sen embargo, como te desprezo;
rotiniario e ruín ata o atrezo,
praga o cheirume do teu fiel respiro.

  Ao socairo da sombra do sombreiro,
a alitose de Ambrosio é cancerbeiro.


         (Rioderradeiro)



(Wikipedia)