sábado, 14 de setembro de 2013

Coa tizona en plan Cid



Peóns de sombra e perfil,
raíña, cabalo, alfil,
torres..., xogadas por mil,
debate un amigo en serio
se en Cataluña hai misterio,
se en Vasconia hai cativerio,
se en Galicia un infeliz
consinte á forza motriz,
do circuíto á cerviz,
multiplicarse en amperio.

¡Adeus a España doImperio..!,
por permitir improperio,
grande e libre cicatriz
exposta ao sol en salterio,
pois tapando o seu nariz
con contubernio ou tamiz,
con uniforme sumerio,
coa tizona do Cid,
xaque mate: O Rei David
uniforma o cemiterio.

(Rioderradeiro)

terça-feira, 10 de setembro de 2013

e guarnición de marisco

Aladdin in the Magic Garden - Project Gutenberg eText 14221.jpg
 "As ghambas están sin cabeza. Non pensedes que teño nada contra elas..." ( Quin Muros Negreira)

Non corre arroz ningún risco
en procurar complemento
de azafrán e de pemento
e guarnición de marisco
de obrigado cumprimento;
como é perfecta, confisco
cazarola do festín;
bo cociñeiro, por fin
borrado aquel xenio arisco
da lámpada de Aladín,
rexistrara, en Muros, Quin
esta paella no disco,
e anda a soar o mordisco,
a pé de páxina, en min.


 (Rioderradeiro)


segunda-feira, 9 de setembro de 2013

por mil anos no salseiro

A cabeza do pescador (e para máis a do pescador de cana) é un Longarela, un rodicio de soños, un contumaz laboratorio de ideas revoltas, un encoro (ás veces, poucas veces, un encoro!), unha fervenza de desexos irrealizables, de penas atrasadas, de amores perdidos, unha avenida de ilusións, coma un río caótico, desbocado, camiño da inmensidade do Mar, onde alguén, algo.., unha realidade inédita, outra clase de vida. está, alí, á nosa espera. Cousa linda é soñar, entre angurias e contradicións, ignorando as miserias.


  Por se impoñer ao rapaz,
que pescaba no peirao
do Gran Sol ao bacallao,
exerceu de capataz.

  Por cumprir coa encomenda,
probo axente do naval
recibiu como adival
incomprensión por prebenda.

  Por colgar do taboleiro
un reproche xusticieiro
contraditorio coa lei…,

  por irrespecto a quen sei,
coma se fose de aceiro
servir na dársena ao Rei…,

  por ter paz, porque atopei
veleno en tinta e plumeiro
de quen disparou primeiro…,

  por malmeter o peteiro
peixe na brinca, empurrei:
protesto, e protestarei...

  por mil anos no salseiro
que por un pelo apalpei.

   (Rioderradeiro)


sábado, 7 de setembro de 2013

sen cebola e sen refrán


¡Ai, que peniña me dan!,
inocentes criaturas
-aire…, namoro…, ¿que fan?-,
Petri que morre por Xan
e Xan, rozando as alturas,
elevando as escrituras
de poste a poste inseguras
da proclama en celofán;

mingua a fe para un cristián,
revolto o día, ás escuras
este cartaz sen fisuras
cara ao vento pillabán
rebentador das costuras,
se afrontan paro sen pan,
sen cebola e sen refrán
que levar ás dentaduras.

   (Rioderradeiro)


quinta-feira, 5 de setembro de 2013

EVA en costela de JARO,


 Meteulle o dente a muller
á mazá do paraíso
e recuncou de improviso,
tan forte fora o pracer…,

con Adán, que, ao parecer,
renovando o seu permiso,
inda vivía no piso
sen pagar un aluguer.

Casados polo civil,
e co banco hipotecario,
firmaron un formulario
do código mercantil…

-cabaceira de perfil-
EVA en costela de JARO,
porque o pescado está caro,
fóra de prezo o pernil.

  (Rioderradeiro)