Queres poñer o mar a bon cuberto,
recollelo en canal pola xanela,
deixalo repousar, pór centinela,
furtarlle o aldabrón ao mar incerto.
Queres coller do pulso o mar aberto,
cinguilo de adival pola cintura;
na lareira, veleiro en grande altura,
soña a derrota o navegante experto.
Estranxeiro de ti, quen te interroga?;
encrequenado en ti, quen te acompaña?;
escravizado a ti, quen te encadea?
Ha responder na vaga o remo en voga
polas sombras do ser, coma unha araña
na arañeira do mar, na túa tea.
(Rioderradeiro)