segunda-feira, 12 de maio de 2014

Recollerás, se cadra, outra semente.

Ruth Matilda Anderson: El mundo rural con ojos de mujer | Mallata
(Wikipedia, Ruth Matilda Andersosn)

  Ergue axiña, labrego, o tempo apura;
agárdate impaciente outra xornada,
bois, vacas, carro, arado…, e maila aixada,
emparentados pola agricultura.

  Emparentados pola agricultura,
o prado, a leira, aquel millo barbeito;
caudal de rega sobre o campo, afeito
a redimir a terra da secura.

  A devoción da xente, que se amosa
reverente e vital; a rogativa;
o santo milagreiro que se activa;
a boroa, na mesa, saborosa...

  Sementa aí, labrego, o soño en quente;
recollerás, se cadra, outra semente.


     (Rioderradeiro)

Catorce herencias que cambiaron el mundo | Internacional | EL PAÍS
(El País)

domingo, 11 de maio de 2014

Que audacia máis baril para cantala!?

Tauromaquia...Goya | Francisco goya, Spanische kunst, Alte gemälde
    (Wikipedia, Francisco de Goya)

  Seguen sombra da senda, en solitario,
trastos: capote, estoque…, ese arrepío;
fora a praza xardín e mais xentío,
e lida, e purgatorio…, o teu calvario.

  Aquel botón de rosa por ferida
é manancial fervente da fisura;
triste albeiro; na area, esa escritura
proba documental, alí caída.

  Dan veredicto. A festa, de repente,
falou coa traxedia. Eras valente.
Bebeches toda a morte ao provocala.

   Brindaras, coa monteira, ao presidente
a vida de toureiro en alcabala.
Que casta tan viril, tan obediente!

  Que audacia máis baril para cantala!?

      
      (Rioderradeiro)

El Prado y la falacia de Goya antitaurino | Toros

sábado, 10 de maio de 2014

Un ego corrompido que serpea.


(Wikipedia)

  Desde neno, sen dúbida, incorporas
privilexios de ser acomodado,
xoguete de destino, acostumado
a meterte no espello a todas horas.

  Adolescente, infante inveterado,
por nacido nun berce exclusivista,
por descaro, por alma narcisista
propietaria dun corpo de pecado.

  É tempo de eleccións. Veña, tourea!
Estás proposto coma candidato;
o teu perfil, repique en arrebato
do músculo viril. Verga!, tolea…

  a espada pueril. Entre en debate
a Galiza servil da panacea;
a causa de compor máis melopea,
Narciso, patrocina o disparate.

  Por Deus, ha reflectir o xaquemate
ese ego corrompido que o retrate?


   (Rioderradeiro)



(Wikipedia)

quinta-feira, 8 de maio de 2014

No teu colo outra vez. Sinto morriña.


Peinture numéro - Appel de la mer - Peinture numéro - Creavea



  Triste… Alegre… Francas velas ao vento.
Alerta, capitán, que zarpa o teu navío.
Ataca temporal. Campa o bravío.
Encirra vendaval de barlovento.

  Triste… Alegre… Cambiante o movemento.
Imaxes: debruzando en mar o río,
o tempo derramando no baldío,
a vida debagando o seu talento.

  Alegre… Triste… Infancia que foi miña.
A pedra lar. A man que me acariña.
Abrazos paternais e protectores.

  Abeiro familiar. Seráns. Solpores.
Bálsamo, por favor, para esta espiña;
penso nos bicos, nai; sempre os mellores.

  No teu colo outra vez. Sinto morriña.

    
       (Rioderradeiro)


Art: 4 Portrait der A Mere et Fille Academique Realisme Fille ...

quarta-feira, 7 de maio de 2014

¡Viva a rosa triunfante no soneto!


(Wikipedia)

  Para aprenderes, aprendiz de amante,
a respectar a rosa que apeteces,
debes regar roseira moitas veces
e practicar doctrina consoante.

  Para apartar poema decadente
da flor, entre as espiñas, ben louzana,
cómpre tecer, a toque de diana,
ritmo e compás no metro máis decente.

  A fragancia sutil, alma secreta,
que é portada de toda a sementeira,
foi gravada en abril, por vinculeira,
no horizonte vital deste poeta.

  Renden armas cuarteto e mais terceto.
¡Viva a rosa triunfante no soneto!


      (Rioderradeiro)