quarta-feira, 26 de março de 2014

E cobras ao contado en sepulturas.

    (Chucho Sande)

  En mar maior, nobre nave liberta,
a muradá confía en SANTA ANA;
emprendera derrota, soberana,
coma decote fai cando ela esperta.

  Viste arestora morte a vida humana;
queda a ferida nosa, grande, aberta
admitindo razón que desconcerta
a rutina da noria, tan profana.

  Cántabro azul, que, xeneroso, auguras
premio ao labor de anzois e de almadrabas,
torce timóns, se en PEÑAS non desgravas.

  Cantil astur, detesto estas facturas
de corte criminal, porque te cravas
na rosa do compás de singraduras...

  E cobras alcabala en sepulturas.

  
   (Rioderradeiro)



domingo, 23 de fevereiro de 2014

Tanta ignorancia en portada...


ALBERTO  GRELA  REY.- "Como todos esperábamos, la duquesa de 
Palma traía muy aprendido el papel de su actuación ante el juez. Era
obvio que negaría las acusaciones; se serviría del derecho a poder 
hacerlo..."No sé, no me consta..."

  Tanta ignorancia en portada…
Como é tan lista e tan tonta,
tan espelida e pasmada,
Cris acollera na conta,
coma indixente, a pomada
e, en consecuencia, confronta
unha inocencia probada.

  A infanta fora embarcada…
Beneficiaria da brisa,
das mil preguntas da enquisa
que o maxistrado precisa,
Cris, en LA CAIXA encaixada,
nega ou responde atascada;
correra Iñaqui coa Visa.

 Hai quen se parte a repisa
vendo á duquesa asustada.
  

 (Rioderradeiro)


sexta-feira, 21 de fevereiro de 2014

¡Longa vida ao mensual!



  Acaso sexa cimento,
para argamasa, ben duro;
acaso sexa, no muro,
recalcitrante e sedento
do noso idioma, argumento
para edificio seguro.

  Talvez fecunde o fermento
reconfortante alimento;
talvez floreza o futuro
tan prodixioso e tan puro,
The Muros Times, con/tento,
cumprido un ano, maduro.

  ¡Longa vida ao mensual
de anglicismos liberado!,
¿por que non, rebautizado
recurrindo ao santoral,
de socate, liberado
do pecado orixinal?


  (Rioderradeiro)


terça-feira, 4 de fevereiro de 2014

En canto arribara Antón…

Foto
(Foto.- Quin Muros Negreira)

  Limpa palabra por loa,
en canto arribara Antón...

  e se amosara en persoa,
en verso libre, el entoa
o SON GALEGO, que é don
do Mar de Prata; abenzoa
co lume do corazón;
con cada palabra ecoa
e, polo tanto, coroa
de BREOGÁN, dá razón
de sermos patria arestora,
testemuños da traizón
-nós na trincheira-, intrusión
por contumacia invasora
que vilipendia o tesón
e aos desleigados devora.

  Limpa palabra por loa,
en canto arribara Antón…,

  Alba de Gloria, e coroa.



(Rioderradeiro)



(Foto.- Quin Muros Negreira)

sexta-feira, 31 de janeiro de 2014

COVA, escena de sofá.


















  Pasa follas -¡que máis dá!,
pon parella ou camarilla
para o DON JUAN de Zorrilla,
que lle acae de perilla:

  dous convidados de pedra
escoitando a Caridá,
ao Conselleiro -¡olalá!-
baixo o chuvasco que medra;

  COVA, escena do sofá,
remate ao toque de queda,
repenique ao bla-bla-blá,
que oPPortunismo embebeda.


(Rioderradeiro)