terça-feira, 20 de agosto de 2013

e rexistrado na Lúa.




Como astronauta flutúa:
Por mor da présa ou do estrés,
plantou bandeira ao revés
e na bandeira puntúa
que é de Muros, como ves,
que está versado no inglés,
e rexistrado na Lúa.


(Rioderradeiro)


Da homilía PParroquial.



Devora en folla mundial
Esperanza relatorio,
o Rajoy orixinal
tira da barba-envoltorio
o plumeiro ou rePPertorio
da homilía PParroquial.


(Rioderradeiro)


segunda-feira, 19 de agosto de 2013

Que non é touca ou toalla


Que non é touca ou toalla
nos dous cumes  pioneira,
nin  tampouco  borraxeira
competente  pola talla;
carda algodón de primeira
esta nube  silandeira,
virtual e sobranceira,
de ilusionismo en baralla
que, polo visto, é pantalla;
condesación tan lixeira,
de verán, faina a peneira
por renegar da poalla,
do orballo, chuvia  guerreira
do tempral cando atalla,
do vendaval cando malla
sen compaixón na ribeira;
é tan bestial na batalla
quen no estío algodoeira.


(Rioderradeiro)


domingo, 18 de agosto de 2013

Marabillosa, a flor



Marabillosa, a flor
pende dun fío,
anel fráxil,
sutil;
a ensoñación resume
na bóla de alcanfor,
funambulismo puro,
moeda de apostar,
cordón umbilical
no gume
dun puñal
ben ponderado.

Que lazo celestial,
que  alfanxe terrenal,
quen move  o capital
dun corte tan seguro?

(Rioderradeiro)


sábado, 17 de agosto de 2013

Se ver chover apetece.



(Foto Nieves Formoso Vidal)

                      Dito popular: "Cando Monte Louro tén touca, ou moita chuvia, ou pouca..."

Sobre a touca, tea en tule,
que cando inverno ennegrece,
alguén, debaixo, devece
que a marusía acugule
a Monte Louro ou tropece
no Neixón e disimule.

Anque o calor entorpece,
o sol co roce decrece
e do verán ben se esquece.
Que o vendaval  se acumule,
deite na orella e formule
nova invernada estremece
ao máis pintado. Fabule
argumentario quen rece
para que un santo regule
-as vegadas manipule-
se ver chover apetece...
E a pel de agosto agradece.



(Rioderradeiro)

A imaxe pode conter: montaña, ceo, ao aire libre e natureza
(Fotos Nieves Formoso Vidal)