sábado, 25 de maio de 2013

A Frei HUMBERTO CASTRO SOTO (in memoriam)



  De condición campechano,
verbo animoso e fluído,
home de fe, conducido
polo ideal franciscano.

  Viviu, serviu...; ouro en pano,
con seráfica humildade
departiu fraternidade
e comprensión; foi humano.

  Cando Deus o convocou
pola vía natural,
obediente e puntual,
acudiu, logo pensou …

  Era a cita principal:
HUMBERTO  CASTRO aceptou
cristianamente o final.

  En testamento, deixou
concordia por capital.
     
        (Rioderradeiro)


quinta-feira, 23 de maio de 2013

Coma un xigante avezado.

Foto de Xosè Sendòn Caamanho.


  Ergueito en corpo abreviado,
xigante infantilizado,
Xerardo -teño a certeza-
pasou polo mundo armado
e mesmo multiplicado,
LOUReadO en fortaleza
por centímetro cadrado.

  Adversario da maleza,
cultivador da beleza,
coma vixía avezado
traballador da limpeza,
El demostrou no coidado
do ben común ter cabeza.

  Xerardo, fan da grandeza,
servidor cualificado.


     (Rioderradeiro)


quarta-feira, 22 de maio de 2013

Porlle ao GALEGO querelas.


                                                         (Ridícula por entregas)

  Plurilingüista ata as cellas,
vendeu primoxenitura
por un prato de lentellas;
non empeñará as orellas,
consustanciais á estructura
cabal da súa cultura,
porque lle aportan finura,
pedigree..., máis angarellas
castellanistas, centellas!,
dando amparo á caradura.

  
Para sentirse segura
en castelán...con gabelas,
a BONAMUSA procura
pór o galego a tres velas:


  Porlle ao GALEGO querelas,

condenalo á sepultura.



(Rioderradeiro)


segunda-feira, 20 de maio de 2013

Co meu xarope de pico!

DSC_0721.JPG
 (Foto: Bemsalgado)

  De verde folla, discreta,
mandoume Bem bolboreta
no canto dun abanico
para que a pinte -ai, palleta!-
co meu xarope de pico. 

  Co meu xarope de pico
en verdor ben recargado,
en verso repenicado
e no lenzo replicado,
que verbalmente repico...

  Que verbalmente repico,
e, vivamente, rubrico,
bolboreta, co teu bico
maxistral, reduplicado
en xardín, bolboretado...

  Co meu xarope de pico! 


      (Rioderradeiro)

DSC_0722.JPG
(Foto: Bemsalgado)


(Wikipedia)

domingo, 19 de maio de 2013

Despertador do sentido?


   Que foi de ti?, que padezo
de non saber se está escrito
no teu caderno ou prescrito
canto eu gañara en aprezo.

  Que foi de min?, que parezo,
decontino cavilando,
ir por outro preguntando
cando eu perdera enderezo.

  Que foi dos dous? Que resgate
debe pagarse ao olvido?
Renova a frecha a Cupido?
Remata en drama o debate?

  Fóra traxedia! Retrate
de cara o tempo perdido!
Cabe engadir disparate
despertador do sentido?

            (Rioderradeiro)