quarta-feira, 27 de junho de 2012

Calendario en Clavileño.



As fotos son coma o traxe
Que te viste e te amortalla,
Son por fortuna esa talla
Onde forxar homenaxe.

Gardas o tempo na imaxe
Se cadra porque deveces
Vivir a vida máis veces
Na invocación da paisaxe.

Percorres con teimosía
Fecundo alfoz de deseño,
Entras no azul con empeño,

Trafegas de travesía
E divagas por badía
Cabalgando un Clavileño.


(Rioderradeiro)




Compre a balanza ao pirata…


(Wikipedia)


De traballo en tropicón,
Rompéronme o corazón
Tantos viaxes de oblata
Como pedía a función;
A conciencia intemerata
De rosario e contrición
Conseguina en oración
Contando as doas de prata.

 
(Wikipedia)

Esta nosa profesión,
¡Mala centella, que ingrata!;
Porque eu fora de excursión
Gastando un “kirieleisón”,
Sofro afronta e mais traizón
E fai comigo fogata
A prensa que disparata
Por me apartar do sillón.

En nada envexo a Garzón,
Pois xa perdín a paixón
De latar e dar lata
Pola miña salvación;
Andes de estirar a pata,
Deixo o poder que me mata,
Voume cobrando a pensión…,
¿Teño ou non teño razón?

¡Fillos de pita barata!,
Garde eu na casa o balón,
Que remate o meu baldón,
Poña ollo en parche outra rata,
Un gato con pel de gata
Que administre senrazón,
Colla o testigo un felón,
Compre a balanza un pirata…

E redima disfunción
Cunha ración de piñata.

(Rioderradeiro)




(Wikipedia)

terça-feira, 26 de junho de 2012

No manancial da lembranza.


  Foi, no CARREIRO, disparo
na procura da fermosa
nena que fora ditosa
fronte ao NEIXÓN. Como avaro...,

  bebeu da FONTE do FARO
auga fresca e licenciosa;
tornou, por boca viciosa,
en secura e desamparo.

  Aquel tempo enfebrecido
deixoulle o peito prendido
do punto infiel da balanza;

  ten insensata esperanza
de ver saciado o sentido
no manancial da lembranza...

  do seu corazón curtido.

       (Rioderradeiro)

segunda-feira, 25 de junho de 2012

Co lume por talismán.

The Feast of Saint John.jpg
( Festa de San Xoán, obra de Jules Breton.)

  Elas son, coma doncelas,

raíñas das cacharelas
que despertan talismán;
medren de présa benditas
as chamas sempre malditas
polas queimas do verán.

  Ábranlle a porta ao serán,
as nenas xoguen sen saia
por San Francisco, na Praia,
con donaire muradán.

  No meu corazón cristián,
MonteLouro, ti palpitas,
do Olimpo, ti precipitas
laradas de San Xoán.


               (Rioderradeiro)

Imagen1
(Foto de Manuel Lago Álvarez)

Da muller reverdecente


  Debuxa o demo unha torta
con recendos de muller;
este home non soubo ver
a pedra que tiña á porta.

  Cabeza a quen só lle importa
nada máis que o recender,
como soe acontecer,
enfociña en obra morta.

  Sabe Deus do demo todo,
pero déixao libremente
disfrazar de moita xente.

  Confesado aquel apodo,
debruza testa en tal lodo
bicando en chan a semente...

  Da muller reverdecente
o varón polo acomodo.


(Rioderradeiro)