quinta-feira, 21 de junho de 2012

Só na memoria implantada.

                "Le dur désir de durer..." (Paul Éluard)

  Bela advocación de artista,
presa da poliña, aberta,
febre á mirada, desperta,
admirable reconquista.

  Raíña en verde, imprevista,
por natureza inconcreta,
de fermosura indiscreta,
luxuriante para a vista.

  Ai!, rosa que vertes todo
polo chan, sen acomodo,
desprendida e desdeñada,

  Só na memoria implantada,
murcha da choiva e do vento
como a pel do sufrimento,

  Ai!, rosa, desventurada, 
na flor da vida un momento...

(Rioderradeiro)


segunda-feira, 18 de junho de 2012

Repasando a propia historia.

L'Amour, la solitude
 “On ne philosophe pas pour passer le temps, ni pour faire joujou avec
 les concepts: on philosophe pour sauver sa peau et son âme.”
 ( André Comte-Spoville: “L´amour la solitude”)

Sentir que a pena te esgana
É furgar pola memoria,
Verquer remorsos na noria,
Cazalos con cerbatana
Repasando a propia historia.

(Rioderradeiro)
Foto

Noutra terra o teu cantar.

_________________

Sendo Galiza o fogar,
Ignoras o que é soñar
Porque soñando xa vives;
Despertas cando concibes
Noutra terra o teu cantar.


(Rioderradeiro)

domingo, 17 de junho de 2012

Abraza en vela a badía.


  Navega sen lei nin vento
embozado en valentía,
abraza en vela a badía
e deixa o mar sen alento
encalmada a marusía.
             

  Nos soportais brega agora,
axita en mans valemento,
desborda en barba argumento
curricán do mar de fóra
Recalcando o pensamento.


  Embozado en valentía,
abraza en vela a badía.


  Navega sen lei nin vento
e deixa o mar sen alento...


        (Rioderradeiro)


quinta-feira, 14 de junho de 2012

Concelleiros de cartón.




Tiñamos representantes,
Tridente en Corporación,
Colados coma cordón
Polo calzado campantes,
Prófugos pola intención,
Póstumos determinantes
Dun sintagma de salón
Que agora creo que son,
Sen siglas relacionantes,
Tres vasos concomitantes
Cambistas de condición,
Rentistas reconfortantes,
Trobeiros recalcitrantes
Concelleiros de cartón.

(Rioderradeiro)