sexta-feira, 13 de maio de 2011

Abriga a chama viciosa.


Abriga a chama viciosa,
No celme, sen cortesía,
Esa paixón caprichosa,
Contumaz, sagaz, melosa,
Do corazón tiranía,
Que é tallante en teimosía
Na proposición en prosa.


Ningunha pena que sande
Percorre senda escabrosa
Por flama que inflada expande;
Pula a pena primorosa,
Por moito que a prenda abrande
Da proposición máis grande,
Abriga a chama viciosa.


(Rioderradeiro)


terça-feira, 10 de maio de 2011

Hei deixarme engulir ata a bandeira.

(Foto: Suso Fidalgo)



  Veño escalar pola faldra o teu monte
e no bico asentar perpetuamente;
quero levar hábito penitente
de anacoreta en clave Anacreonte;

  Veño saciar securas de horizonte,
a lle zugar o zume ao permanente;
quero, de graza, aquí, divinamente,
afianzar ninfa, ferida..., e fonte.

  Veño afincar no gran da sementeira,
no teu regazo o ceo resumido,
a casta prenda en flor casamenteira;

  Quero, pola paixón, ser redimido,
confirmado na fe pola fogueira;
pois por morar en ti, comprometido,

  Hei deixarme engulir ata a bandeira.



(Rioderradeiro)

(Foto: Suso Fidalgo)

segunda-feira, 2 de maio de 2011

Deica engulir, de estoque, a cruel espiña.


  Non derramou máis crebas sobre a praia
a vaga que arribou co seu recado,
non lle sumou máis penas ao penado
quen inscribiu na quilla esa batalla.

  Non derramou máis folgos nin metralla
corisco que incrustou no bico arpado,
non lle sumou máis prendas do mandado
quen describiu verdugos de atalaia.

  O tempo en mocidade é falangueiro,
conversa de vagar cando aloumiña;
o tempo é touro manso e touro fero,
acomete en zigzag cando apoupiña.

  O tempo en madureza é traizoeiro,
o tempo na vellez cobra severo:

  Rilla na rosa a treu, ceiba rapiña,
deica engulir, de estoque, a cruel espiña.

                   (Rioderradeiro)



terça-feira, 26 de abril de 2011

Máis fume de paixón que non te enrede


  Como afogar no fume esta fumeira
se apuro en combustión tanto incremento,
se empurro ao fumegar tanto elemento
perturbador da nube forasteira?

  Como artellar de estrela viaxeira
se é fervente refén nas mans do vento,
se mecha e pedernale investimento,
profiren labarada verdadeira?

  Como aplacar a brasa en campo aberto,
no mato virtual -fogueira en rede-,
cos folgos fantasmais do desconcerto?

  Como ha curarse o corazón desperto?
Como ha fartar a fame e maila sede
máis fume de paixón que non te enrede?


  A estrela da vellez clama en deserto.



                                      (Rioderradeiro)


quarta-feira, 20 de abril de 2011

Pondo eslabóns, contracorrente, en río!


  Costa vivir, manter constantemente
combate desigual do “ti” “contigo”,
un contender confuso co inimigo
que afoga no ilusorio o permanente.

  Costa vivir, confrontar francamente,
pensar, sufrir, soportar tal castigo
dun verdugo voraz que vai de amigo
parasitado en “ti” tan feramente.

  Costa vivir, debagar albedrío,
endexamais dar cousa por gañada,
embelecar a causa envelenada;

  Costa vivir a vida encadeada:
como asumir fracasos decotío,
pondo eslabóns, contracorrente, en río!  


                                (Rioderradeiro)