terça-feira, 31 de agosto de 2010

Ás apalpadas polo meu camiño.


  Tecendo estou no río que o celebra,
co tecelá das augas vou labrando,
tecendo estou na vida, mergullando
a pel que muda e deixa unha culebra.

  Co tecelá do río, en cantarela,
un aturuxo afío decontado,
que un alalá de tempo retardado
publica e fotocopia, sentinela.

  Canto máis forte cando fala o viño,
falo no viño cando esquezo o norte,
esquezo o norte porque estou soíño,

  Sen un triste compás, sen pasaporte,
a debater co tiburón consorte,
ás apalpadas polo meu camiño.

       (Rioderradeiro)


segunda-feira, 30 de agosto de 2010

como afianza un bo polbo


Por gardar a propiedade,
Un home probo e valente
Dá mil pancadas na xente
Con graza santificante.

Bendito portaestandarte,
Redentor dos alicerces,
Salvador dos intereses,
Colector da honestidade.

A man de ferro enfundada
En luva de fino coiro,
Nas costas da humanidade,

Afianza, con degoiro,
A fe do trigo na malla,
Como afianza un bo polbo

No feiral da santidade.

(Rioderradeiro)

File:Polbo pulpo galicia.jpg

Archivo:Gloves1.jpg

domingo, 29 de agosto de 2010

Espido estou: Arróupame o castigo.



Denudo lixeireza na mirada;
Albisco na nudez a miña ausencia;
Enxergo o desacougo na impaciencia;
Aspiro a comprender a dor da nada.

Albisco a fiel traizón da filigrana;
Apunto a leviandade na acuarela;
Apuro en bebedizo a vil materia;
Amputo na vileza a miña alma.

¿Ulo perdón que me arrinque o pecado?
¿Ula sanción que me alanque o olvido?
¿Ulo borrón que devolva o albedrío?

¿Ulo valor que valore eu, vasalo?
Moro no alfoz dun “ego” deleigado:
Espido estou no corpo do delicto.

(Rioderradeiro)

terça-feira, 24 de agosto de 2010

A túa man feliz: Luz de amencida.


  Dame esa man que me avala  esperanzas,
pronta, esa man que me acalma os latidos,
pronta, esa man que me adoza os sentidos,
dame esa man que me adula as lembranzas.

  Búscote, man que a acariñar alcanzas;
aferro a man de fecundar baldíos;
quérote, man de afrontar desafíos;
agarro a man que afianza confianzas.

  Amor voraz, devórame a tristeza;
fita de amor, aforca esta ferida;
prenda de amor con carta de nobreza,

  Clave do corazón, chave e saída,
amarro a man sagaz, frugal franqueza,
a túa man feliz: Luz de amencida.

                      (Rioderradeiro)



domingo, 22 de agosto de 2010

Remoza a murcha flor co teu alento

Nacín para vivir. ¡Que desafío!
Vivo para morrer. ¡Que desengano!
Nacer-crecer-morrer…, vivir sangrando,
E soterrar na cova o alarido.

Nacín para morrer. ¡Duro castigo!
Por recibir regalo envelenado,
Vivo nun senvivir; mesmo soñando,
Batallo a cara e cruz sempre contigo.

¿Onde estás ti, meu Deus? Baixa un momento.
Desvela  ese disfraz das aparencias.
¿Por que te escondes na divina esencia?

Amosa a túa voz, acalma o vento;
Luza en clave de sol o meu alento;
Remoza a murcha flor. Prenda a consciencia.

(Rioderradeiro)