quinta-feira, 29 de julho de 2010

O corazón lanzal da nosa LINGUA


  Cabal cabalga o Miño cabaleiro
polo ronsel azul do noso emblema,
cinco puntas de lanza fan dilema:
pegada, selo, historia e mais luceiro.

  Galopa Breogán desde o Cebreiro.
Esta patria irredenta é vinculeira:
ten alma, corpo, brazos...; ten bandeira;
as mans que han de termala, puro aceiro. 

  Quen non vive este amor non se decata
da vileza que aldraxa e se sublima.
Quen non sinte o país non se autoestima
na causa nacional de vella data.


  Somos GALIZA, a NOVA e maila ANTIGA:
o corazón lanzal da nosa LINGUA.


             (Rioderradeiro) 




quarta-feira, 28 de julho de 2010

novelo infatigable



  












  Ser e non ser; logo, recomenzar…
sermos algo ou alguén imaxinario,
e devolverlle á fonte o seu galano,
auga que endexamais pode tornar.


  Somos só corpo ou somos só un pensar,
patéticas pantasmas, espantallos,
entes no espectro dun papel pautado
ou leixapréns, cantigas de refrán?


  Vivir é fenecer tódolos días:
morrer e renacer noutra mudanza;
por recuar, o tempo corre, avanza…


  Novelo infatigable en xira-xira,
o seu fío tece, destece, e cala
a radical sabenza sobre a vida.

                         (Rioderradeiro)



segunda-feira, 26 de julho de 2010

Feliz serei na fe do teu regalo.












  Como hei facer para falar contigo
sen profanar ese sacro silencio,
outorgar ao meu soño o privilexio
de te achegar a conversar comigo.


 Como chegar a ti, por cal camiño,
sen frases, sen palabras, sen contextos,
sen transformar nos meus os teus desexos
de me acochares cos teus brazos vivos,


  De mil cantares, que mellor regazo!,
de endexamais espertar desa infancia,
de me apertar no tempo máis prezado…


  Felicidade en ti, que nobre causa!,
felicidade, NAI, verde esperanza:
feliz serei na fe do teu regalo.

(Rioderradeiro)

terça-feira, 20 de julho de 2010

un NÓS: ti, MAR; eu, VENTO...


  
  Ou!, deleitoso arpón, crúa agonía,
cruel pracer cravado na consciencia,
ou!, amor, que, en agromando, alberga
no celme do seu ser punxente espiña…

  Discordante “iin/iang”, pugna intestina,
permanente loitar nunha alma inqueda,
contradictorio amor, doce cadea,
compañeira voraz: dicotomía…

  Atesourar amor a bon recado
require conformar, mudo e secreto,
na gaiola dourada o meu dueto;

  Logo, a cantar feliz e confiado
cantos de vida plena, por momentos,
e fenecer, e sentirse abrazados

  Ti e mais eu, nun NÓS: ti,  MAR; eu, VENTO…


(Rioderradeiro)


domingo, 18 de julho de 2010

Goteiras de soportal.


  Croca de galo capado
no quepis dun capitán;
pedigree certificado,
o carimbo empoleirado
apadriña xeneral…

  Na testa do toleirán
acubilla, e devanea,
un firmamento de area;
e, baixo palio, en morea,
cortexo de carnaval...

  No campo competencial,
procesionando, capea,
en recargar se recrea,
almirante e caporal,
pola tolemia en cadea...

  Que, do secaño ao naval,
o bo fidalgo abanea:
goteiras de soportal.


          (Rioderradeiro)