terça-feira, 20 de julho de 2010

un NÓS: ti, MAR; eu, VENTO...


  
  Ou!, deleitoso arpón, crúa agonía,
cruel pracer cravado na consciencia,
ou!, amor, que, en agromando, alberga
no celme do seu ser punxente espiña…

  Discordante “iin/iang”, pugna intestina,
permanente loitar nunha alma inqueda,
contradictorio amor, doce cadea,
compañeira voraz: dicotomía…

  Atesourar amor a bon recado
require conformar, mudo e secreto,
na gaiola dourada o meu dueto;

  Logo, a cantar feliz e confiado
cantos de vida plena, por momentos,
e fenecer, e sentirse abrazados

  Ti e mais eu, nun NÓS: ti,  MAR; eu, VENTO…


(Rioderradeiro)


domingo, 18 de julho de 2010

Goteiras de soportal.


  Croca de galo capado
no quepis dun capitán;
pedigree certificado,
o carimbo empoleirado
apadriña xeneral…

  Na testa do toleirán
acubilla, e devanea,
un firmamento de area;
e, baixo palio, en morea,
cortexo de carnaval...

  No campo competencial,
procesionando, capea,
en recargar se recrea,
almirante e caporal,
pola tolemia en cadea...

  Que, do secaño ao naval,
o bo fidalgo abanea:
goteiras de soportal.


          (Rioderradeiro)




sexta-feira, 16 de julho de 2010

Delegando no credo e mais no crego.





  Pois o serán me abafa e me aniquila,
non mingua a miña dor a madrugada;
o volcán do meu peito non se apaga
con mil palabras de millenta sílabas.

  Cada solpor, eu morro coma o día;
cada afogar a luz, deveño en nada;
por ilusión, vivo vida prestada;
por ilusión, quero soñar vivila.

  Non me sentín nacer nin me pregunto
se é lícito indagar neste misterio
con candidez de neno nun adulto.

  O corazón, que é brando, e rebuldeiro,
ponlle unha vela ao santo, outra ao santeiro;
préndelle lume, e lisca deste asunto…


  Delegando no credo e mais no crego.


(Riaderradeiro)



segunda-feira, 12 de julho de 2010

Abenzóeme as barbadas.


Permítame o da sotana,
Se non lle ofende o pedido:
Reclámame un bo cocido,
E puxen lume ao rustrido
Dun prebe pra seis barbadas...

A licencia hai que pagala:
Asubíalle ao morcego,
Tapa as orellas dun cego,
Tira do teu tarabelo,
Recibe as cen puñaladas...

¡Paso aberto ao peregrino..!
Padre,
Abenzoe a caldeirada.

domingo, 11 de julho de 2010

bicando eternamente a túa silueta.





  Arrebatoume a parca o meu guieiro...
Pois tanto meina a dor e contamina,
sinto o furgar infecto na ferida,
sen o timón, sen mastro e mais sen remo...


  Sen o timón, para o meu mal; sen remo...,
resistirei no meu barco á deriva;
porque, sen mastro, as velas son cativas
do penar do meu sangue en cativerio.


  Cando, por fin, remate o extravío,
hase render a pel ao seu destino,
e voarei coma unha bolboreta...


  Ter coroada a miña alma inqueda
cando encalmar a saudade contigo
bicando eternamente a túa silueta...


(Rioderradeiro)