segunda-feira, 17 de novembro de 2008

o cativo



...seguindo co cravo ardente

-¡no vaia ser que el enfríe!-,

tropezou Optimamente

co “cu” dun Impertinente,

debaixo do óso invisible,

e alí cravou -¡no sublime!-

a estaca divinamente

-coma fixera Cupido-:

no corazón da serpente,

tornou de amante en cativo,

e do cativo, en demente

que atende á voz do asubío…


______________________

sábado, 8 de novembro de 2008

ULA MIÑA AVOA ?






  Paxariño tordo

da Pedra da Moa,
non pouses o pico
onde miña avoa
apañaba o millo
do pan de boroa.


  Paxariño tordo

da Pedra da Moa,
onde está o millo?,
onde está a boroa
que tan ben cocía
sempre miña avoa?


  Paxariño tordo

da Pedra da Moa,
dime que foi deles,
dime se estou tola
porque hoxe pregunto
pola miña avoa.


  Paxariño tordo

da Pedra da Moa,
eu tiven un soño:
quizais na memoria
atopei o cesto,
o millo, a boroa…


  que deixou en prenda

esa miña avoa
que tan ben sabía
apañar o millo,
cocer a boroa
no noso forniño,
e, logo, o reparto
sempre á súa hora…


  Ula miña avoa?



               (Rioderradeiro)


sexta-feira, 7 de novembro de 2008

AS AVOAS.

AS AVOAS.
______________

As avoas parten tan cedo..., pero deixan pegada sempre indeleble na alma do neno que en nós queda.


_________________________________________________

quinta-feira, 6 de novembro de 2008

.- O GATO.


Foto de Manuel María Pena Silva.

  O gato.

O gato?

O gato..!

 **

O gato,

solitario animal

que me alimenta as ansias

de eterna compañía.

   ***

  O gato,

un desleal doméstico

que me rabuña a calma,

porque esquece as caricias?

   ****


  O gato,

sete vidas son moitas

para unha soa vida.

   *****

  O gato,

xa me abrolla o desdén

pola infecta ferida.


******

O gato...,

sempre o gato,

e, sen embargo, ingrato,

tesme a alma cativa.


  (Rioderradeiro)