sábado, 8 de novembro de 2008

ULA MIÑA AVOA ?






  Paxariño tordo

da Pedra da Moa,
non pouses o pico
onde miña avoa
apañaba o millo
do pan de boroa.


  Paxariño tordo

da Pedra da Moa,
onde está o millo?,
onde está a boroa
que tan ben cocía
sempre miña avoa?


  Paxariño tordo

da Pedra da Moa,
dime que foi deles,
dime se estou tola
porque hoxe pregunto
pola miña avoa.


  Paxariño tordo

da Pedra da Moa,
eu tiven un soño:
quizais na memoria
atopei o cesto,
o millo, a boroa…


  que deixou en prenda

esa miña avoa
que tan ben sabía
apañar o millo,
cocer a boroa
no noso forniño,
e, logo, o reparto
sempre á súa hora…


  Ula miña avoa?



               (Rioderradeiro)


sexta-feira, 7 de novembro de 2008

AS AVOAS.

AS AVOAS.
______________

As avoas parten tan cedo..., pero deixan pegada sempre indeleble na alma do neno que en nós queda.


_________________________________________________

quinta-feira, 6 de novembro de 2008

.- O GATO.


Foto de Manuel María Pena Silva.

  O gato.

O gato?

O gato..!

 **

O gato,

solitario animal

que me alimenta as ansias

de eterna compañía.

   ***

  O gato,

un desleal doméstico

que me rabuña a calma,

porque esquece as caricias?

   ****


  O gato,

sete vidas son moitas

para unha soa vida.

   *****

  O gato,

xa me abrolla o desdén

pola infecta ferida.


******

O gato...,

sempre o gato,

e, sen embargo, ingrato,

tesme a alma cativa.


  (Rioderradeiro)

quarta-feira, 5 de novembro de 2008

SERÁN CON VELOSO.


SERÁN CON VELOSO.
________________________



Cos seus salmos e cantigas,
As augas do Arenteiro
Na procura do Ribeiro
E as vellas cepas amigas...


Elas, sempre milagreiras,
Preguntan polo casal
Onde mora o meu colega
Antón Veloso Mosquera,
Bodegueiro principal.


Ribeiro de treixadura;
Morre o solpor no vilar.
Con un ¡viva! á fermosura...,
Remata a nosa aventura.
Feliz remate ó serán.


Bodegueiro principal,
Antón Veloso Mosquera,
Pra min, amigo e colega,
E desde hai ben tempo,“irmán”.

_____________________________________

PASOS VOU DANDO.



PASOS VOU DANDO.
______________________


Pasos no aire vou dando,
¡Meu amor!

¡Meu amor!,
Ves coma un río…

Imaxínome ponte,
Auga, flor…,
Man que prende no tempo.

Son apenas bocadiño
Do todo, da nada,
Dun ti, dun min…

Unha gamela á deriva
Son eu.

_______________________________