quarta-feira, 5 de novembro de 2008

QUE ME DOE O EFÍMERO

Foto de Reyes Benoit.
(Foto de Reyes Benoit)

  Que me doe o efímero:

a beleza sen par,
o presente de amar,
o adeus dun amigo.


  Que me doe o efímero,
que sempre vai comigo.



  Que me doe o efímero
das cousas de deixar,
levadas sen pensar,
pecharse en puro olvido.


  Que me doe o efímero,
que sempre vai comigo.



  Que me doe o efímero
de cada namorar,
de cada despertar,
de cada estar contigo.


  Que me doe o efímero,
que me doe o efímero...

  que sempre vai comigo,
que sempre vai comigo..!



    (Rioderradeiro, anos 90)

Foto de Reyes Benoit.
(Foto de Reyes Benoit)

O PEREGRINO.





O PEREGRINO.
(No alpendre de Sales)
______________________


Era un señor moi barbado
con pintas de peregrino:
Cuncha, escravina, caxato,
botas de andar mil camiños.

Chamáronlle Mariano,
non por mandado divino,
senón por que o bautizado
promocionase o marisco.

E cando nesas estábamos
-xa un bo tempo transcurrido-,
abrindo as portas o ano,
terémolo aquí, dun brinco...,

da man do Lapizferoz,
do Miranda e do mal "Timo",
do pirómano Nerón
e dun aresano olívico.

Estes cinco rumorosos,
coma cadelos nun bingo,
ládranlle á lúa, rabiosos,
no latricar, confundidos.

___________________________

ZAPLANA EN BOLSA.



ZAPLANA EN BOLSA.
----------------------------------



Por maxia do Pizarrón,
beben os ventos do euro
as neuronas de Rajoy,
-antes toxal ou barbeito-,
ricaz multiplicador
do meigallo financeiro
liberal conservador...
Que unha veliña ao diaño,
non fai dano.

Saltan, bincan na ruada,
COPE, Ximénez Losantos,
Anxo Acebes, ¡Esperanza..!
-Tamén chouta o Mariano-.
¡Cotiza en bolsa Zaplana!,
taumaturgo do ladrillo
na Costa Mediterránea...
Que unha veliña ao diaño,
non fai dano.

_________________________________

ENTRONIZAZACIÓN DE “PIZARRO”.




ENTRONIZAZACIÓN DE “PIZARRO”.
(Á volta do Perú, onde fixo fortuna
coa espada de ENDESA).
_______________________


Para achádego mellor,
O de don Manuel Pizarro,
Merlo Branco do PePé,
Insomnio de Pepe Branco.

Ese xentil cabaleiro,
Burocrático empresario,
Trae o ouro do Perú
Nas doas do seu rosario.

Nunca meirande virtude,
Guieiro do Mariano,
Embarcou tan de improviso
Nas follas do calendario.

Pero xa estamos na feira:
Cómpre vender ben, cos allos,
O peixe das ilusións
Nese papel de regalo.

Desde a FAES a Vidal,
De Fedeghico aos de Franco
-Salvando bizantinismos-,
É un bicarlle a man ao santo.

Aberta, pois, a campaña
Nos presbiterios mediánticos,
COPE aposta ao natural;
PRISA remenda os Zapatos.

Por quen non temos padriños
-O rezar nunca é pecado-,
¡Coitados!, ¡reza por nós
Para as calendas de marzo!

_______________________________

¡Toma castañas!




¡Toma castañas!
(As castañas á fartanza nunca se deben comer)
__________________


Castiñeiro da ribeira,
Castiñeiro ribeireño,
Matas coas túas castañas
A moita fame que eu teño.

Hoxe fartei de castañas,
¡Moitas castañas comín!;
Sinto ourizos nas entrañas,
¡Vaia lume que prendín!

Desde a Bouza ata Castrelos,
Do Lagares á Florida,
Unha ringleira de nenos
Bótase as mans á barriga.

No colexio Balaídos,
Hoxe toca deprender
Que as castañas á fartanza
Nunca se deben comer.

Castiñeiro da ribeira,
Castiñeiro ribeireño,
Matas coas túas castañas
A moita fame que eu teño.

Castiñeiro da ribeira,
¡Moitas castañas comín!
Sinto un souto nas entrañas,
¡Vaia fogo que prendín!

(Para a miña neta Denise)