Jose Brinqueiro.- "Gustaríame que lle puxeses algún comentario á foto que puxen de Monte Louro de hoxe..."
Daguerrotipo ou pincel, castidade no papel, caza o Brinqueiro soidades, ao luscofusco, orfandades desbordantes pola pel; ten MonteLouro cartel de incomodar vaguidades.
Esta vida promete unha arrogante algarada de ardor arborescente; rompe o tempo a paixón adolescente, gasta os folgos da fe de cada amante. Esta vida propón de interesante unha historia insegura, insuficiente; pasa o crono a restar internamente desalentos que conta en cada instante. Esta vida propende a reiniciarse nunha estancia máis plena e máis segura; ninguén sabe se en nova singradura pode un home deixar de reiventarse. Esta vida pretende proxectarse noutra esfera final que te depura. Esta vida presente é de impostura.
Wikipedia.- Exemplo de teatro: La Comédie-Française (acuarela de A. Meunier, París, século XVIII). Platea de campanario; neste auditorio confío que non baleire albedrío aplaudindo innecesario. Proscenio, estricto escenario; franco actor de señorío debruza verbo bravío, desemboca en balneario. Piromanía inminente, vibrante ollada insurxente , brazo incendiario en oferta nun papel de celofán. Prisioneiros de Xermán, perplexos, coa boca aberta cen mil paisanos alerta pendentes do talismán.